DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Obra dos profesores Baraja, Sánchez e Fraíz

A xestión dos investimentos deportivos ao descuberto en "Indicadores para la evaluación de la inversión en deporte en Galicia"

Etiquetas
  • Ourense
Noelia V. Vilanova DUVI 31/10/2008

A importancia da actividade deportiva na sociedade actual é un feito incuestionable. Boa mostra diso é o crecemento que experimentou a inversión, tanto pública como privada, neste campo, aínda que non existe un control rigoroso deses investimentos, nin unha avaliación da eficacia da súa xestión. O libro Indicadores para la evaluación de la inversión en deporte en Galicia nace, precisamente, da necesidade latente de avaliar dende un punto de vista obxectivo o conxunto das inversións en actividades e infraestruturas deportivas. Os profesores universitarios Ángel Barajas, Patricio Sánchez e José Antonio Fraiz, que son os autores da obra, traballaron durante máis de dous anos neste proxecto de investigación que agora se reflicte en papel.
O seu é un libro “nacido coa idea de proporcionar aos xestores da inversión pública en deportes e de instalacións deportivas unha ferramenta útil”, comentou Fraiz. “Nada nos produciría maior satisfacción que se convertese nun vehículo de transferencia de coñecemento desde a universidade aos xerentes das inversións deportivas”, proseguiu o autor.
Fraiz non quixo concluír sen antes agradecer “o alento e apoio dos compañeiros de departamento, a axuda da Universidade de Vigo, e sobre todo, a colaboración da Fundación Deporte Galego, xa que sen o seu financiamento do este libro non vería hoxe a luz”.

A universidade preto da sociedade

Plácido Rodríguez, director do Observatorio Económico do Deporte de España, destacou, durante a presentación do libro, que o volume conta cunha vantaxe importante, porque “abre un camiño de colaboración entre a universidade e a sociedade, polo que xa non se nos pode acusar de estar distantes ante a realidade social”, dixo Rodríguez. Para os tres escritores, a obra, non é un produto pechado, senón “un primeiro paso para que en colaboración coas institucións e axentes relacionados co mundo do deporte se poida axudar á implantación deste tipo de ferramentas”, afirmou Fraiz, que aproveitou a presentación para poñerse á disposición dos que estean interesados para elaborar novas vías de colaboración no futuro.

Panorama actual en Galicia

O deporte está cada vez máis presente no modelo de vida dos galegos, polo tanto a cuestión deportiva debe estar presente en toda as análises e plans socioeconómicos que se fagan dende a Administración. Actualmente “estamos ante un panorama incerto, xa que estamos a vivir momentos complicados en materia económica e ademais as inversións en deportes son complexas; pero ao mesmo tempo tamén é esperanzador”, comentou Patricio Sánchez.