DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade e Museo de Pontevedra volven unir forzas para celebrar este ciclo de conferencias

O XI Memorial Filgueira Valverde conmemora o centenario do nacemento do arquitecto Alejandro de la Sota

Deixou un importante legado na cidade e arredores, como o Pavillón de Deportes ou a Casa Domínguez e

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 26/10/2012

Co gallo do centenario do seu nacemento en 2013, a undécima edición do Memorial Filgueira Valverde, promovido pola Universidade de Vigo e polo Museo de Pontevedra, lembrará a figura do pontevedrés Alejandro de la Sota, “un dos grandes arquitectos galegos e españois do seu tempo e figura de culto para os seus colegas de profesión”, describe Carlos Valle, director do museo e coordinador da iniciativa. Un total de tres conferencias integran este Memorial, que se celebrarán do 6 ao 8 de novembro no Sexto Edificio do Museo pontevedrés e rememorarán as súas principais achegas á cidade da man de expertos e compañeiros de profesión.

A vicerreitora do campus, Antonia Blanco, define este ciclo de conferencias como un “referente cultural do outono pontevedrés”, de aí que a Vicerreitoría decidise manter esta colaboración co Memorial Filgueira Valverde a pesar das reducións orzamentarias. “Dende a Universidade consideramos que é necesario facer un esforzo por esta actividade dada a súa repercusión e importancia, para que por undécimo ano, saia á luz”, explica Antonia Blanco que tamén agradece e o apoio recibido polo Consello Social da Universidade de Vigo para esta edición “que seguramente creará a mesma expectación e o mesmo seguimento en masa que en todas as ocasións anteriores”, engade.

O Memorial deste ano traerá ao presente a significación do labor profesional de Alejandro de la Sota tanto para a arquitectura galega como para a española da segunda metade do século XX. “Será o anticipo das moitas actividades, que sen dúbida, se lle consagrarán en 2013, ano no que se conmemorará o centenario do seu nacemento”, subliña Valle. Unido a esta circunstancia, de la Sota convértese na figura homenaxeada desta edición polos lazos de amizade que mantiña co propio Xosé Filgueira Valverde, “nacido só sete anos ca el e pertencente a súa mesma xeración”. Por outra banda, o arquitecto deixou na súa cidade natal, Pontevedra, así como nos seus arredores, algunhas das súas creacións máis significativas, como o remodelado Pavillón de Deportes ou a Casa Domínguez no Concello de Poio, “ademais de ser fillo de Daniel de la Sota, mítico presidente da Deputación de Pontevedra nos anos 20 e personalidade esencial para a conformación de Pontevedra como urbe e provincia ao liderar iniciativas tan importantes como a creación do museo ou da caixa de aforros provincial”, aclara Valle.

Tres días para coñecer a fondo a figura do arquitecto

O ciclo de conferencias dará comezo o primeiro martes do mes de novembro, día 6, a través do cal se analizará tanto o contexto pontevedrés no que naceu e se formou inicialmente Alejandro de la Sota como a repercusión do seu legado en Galicia e no resto de España. O xornalista Rafael López Torre inaugurará a actividade co relatorio Alejandro de la Sota: a forxa dun artista, para continuar o día seguinte da man dos arquitectos Alberto Noguerol e Pilar Díez, “que achegarán unha visión moi próxima á súa concepción profesional, pois tiveron unha relación moi estreita con el”, sinala Valle. O ciclo rematará o xoves coa intervención de Teresa Couceiro, directora da Fundación Alejandro de la Sota. Todas as conferencias celebraranse no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra ás 20.00 horas ás que a asistencia será libre ata completar aforo.

Tras once edicións, Carlos Valle atrévese a facer un balance “máis que positivo” dos memoriais, “se non fose así non se manterían durante tantos anos”, reflexiona. Igual que a vicerreitora, Valle tamén sinala a expectación que o ciclo de conferencias organizado ao abeiro da Cátedra Filgueira Valverde crea entre a cidadanía pois “dende setembro estamos recibindo chamadas no museo preguntando se se celebra ou non o Memorial deste ano”, comenta Valle que tamén alude á calidade das publicacións froito das conferencias, “unha colección de moito prestixio no ámbito universitario español, tanto que nos piden exemplares polo atractivo dos temas e por ser tratados polos mellores especialistas”, conclúe o director do museo pontevedrés.