DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Teatro Principal acollerá as seis representacións que se desenvolverán do 3 ao 8 de maio

A XII edición da Miteu amosará no campus os resultados dos laboratorios teatrais das universidades galegas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 26/04/2010

A función comeza dentro de sete días, porque “falar de primavera é falar de teatro universitario”. Así se presenta a XII edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario, que recalará a vindeira semana no campus de Pontevedra e pola que desfilarán as tres aulas de teatro da Universidade de Vigo, así como as dúas da Universidade de Santiago de Compostela e máis a Aula de Teatro e Danza da Universidade da Coruña. O vicerreitor do campus, Jesús Hernandez, e o coordinador da Miteu, Salvador del Río, presentaron hoxe a programación desta cita anual consolidada como punto de encontro entre os amantes do teatro, aquelas persoas capaces de abstraerse das súas obrigas diarias para buscarlle un oco a esta actividade.
Segundo sinalou o vicerreitor, “a Miteu é unha aposta firme da Universidade que pretende que alumnado, profesorado e PAS se integren nunha actividade moi positiva para a formación universitaria e social”. Pola súa parte, Salvador del Río citou como nexo común a todas as aulas de teatro “o feito de que os seus responsables son profesionais en activo con capacidade de trasladar á Universidade un pequeno laboratorio do proceso de creación teatral”.
Ao longo de seis días, do 3 ao 8 de maio, sucederanse no Teatro Principal as representacións das compañías universitarias galegas, dirixidas por referentes do teatro galego como o propio Salvador del Río, Roberto Salgueiro, Fernando Dacosta ou Rubén Ruibal.

Teatro con vocación desestabilizadora

Quebec, ano 1968. Un grupo de mulleres reúnese para pegar uns cupóns cos que foi premiada unha delas por uns grandes almacéns. Así comeza a acción no texto orixinal d’As cuñadas de Michel Tremblay. Roberto Salgueiro trasládao á Coruña no ano 1977 na súa adaptación literaria para a Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela. Será a encargada de abrir a Miteu en Pontevedra dentro dunha semana, o luns 3 de maio.
Ao día seguinte, a Aula de Teatro do campus de Pontevedra presentará a obra de Manuel Lourenzo, Eclipses, unha colección de pequenas pezas teatrais, que tratan con sarcasmo a vida social, artística e pública en diversos momentos da historia. Baixo a dirección de Salvador del Río, é un exemplo de teatro feito sen adornos e cunha profunda vocación desentabilizadora.
O mércores 5 de maio o grupo Maricastaña do campus de Ourense representará Odisea espacial, a súa primeira incursión no xénero da ciencia-ficción, a partir da obra homónima de Arthur C. Clarke. Baixo a dirección de Fernando Dacosta, achegaralle ao público unha reflexión sobre a existencia humana na inmensidade do cosmos.

Da temática xacobea á revisión do mito

A Aula de Teatro e Danza da Universidade da Coruña sorprenderá o xoves día 6 cunha obra de temática xacobea, resultado da creación colectiva. Con dramaturxia e dirección de Rubén Ruibal, formula unha divertida situación na que un grupo de peregrinos que vagan sen rumbo polo Camiño interpretando fragmentos de Rinoceronte de Eugene Ionesco son detidos sen motivo coñecido.
Xa o venres, día 7 de maio, será a quenda da compañía de teatro do campus de Lugo da USC. Levarán a escena a obra Unha dúbida razoable, unha adaptación de 12 homes sen piedade de Reiginald Rose, dirixida por Alberte Cabarcos, que afonda nas condutas humanas e no valor na democracia.
A Aula de Teatro do campus de Vigo será a encargada de baixar o pano da Miteu en Pontevedra o sábado 8 de maio. Farao coa obra Residuos, composta a partir de textos de Lluisa Cunille, María Zambrano, Suso de Toro, William Shakespeare e Xavier Lama. O espectáculo está dirixido por Pepa Barreiro, que escolleu o tema do “mito” como punto de partida para fiar aspectos comúns ao xénero humano.