DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrouse este xoves e venres en Muxía (A Coruña)

A XII reunión anual do Foro Económico de Galicia analizou algúns dos grandes desafíos para a comunidade autónoma

Contou coa participación de 70 especialistas do eido académico, empresarial e doutros sectores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Ourense 14/04/2023

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), celebrou este xoves e venres no Parador de Muxía (A Coruña) a súa XII reunión anual. A cita congregou a arredor de 70 especialistas do eido académico, empresarial, da comunicación e doutros sectores co obxectivo de afondar nalgúns dos grandes desafíos que afronta Galicia, desde a intelixencia artificial e a transición enerxética ata a lingua galega como factor diferencial.

Intelixencia artificial e transición enerxética

A cita arrancou coa presentación por parte de María Bastida, profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), dun informe sobre o Impacto económico da intelixencia artificial en Galicia, que deu lugar a un debate posterior coa participación de Amparo Alonso (UDC), Senén Barro (USC) e Antonio del Corral (Cinfo). “Desde o Foro Económico de Galicia considérase determinante a implantación da intelixencia artificial nas empresas como ferramenta básica de mellora dos seus resultados e, polo tanto, da situación económica xeral. Así, a capacidade de integración da IA xerará claras vantaxes competitivas entre as comunidades autónomas”, indican en nota de prensa desde a entidade.

A principal conclusión deste mapeo do estado actual da intelixencia artificial no tecido empresarial galego indica que as empresas galegas non poden considerarse líderes en IA, xa que na gran maioría dos casos recorren a provedores externos para o desenvolvemento destas ferramentas (nove veces máis que a media do Estado) pero, ao mesmo tempo, as compañías que teñen a intención de adquirir algún tipo de tecnoloxía intelixente son máis que a media estatal. Os especialistas, indican desde o foro, conclúen que en Galicia a IA está nunha fase “moi incipiente e só unha porcentaxe escasa de empresas ten a capacidade para actuar como líder”. En canto ás recomendación, destacan tres bloques de traballo: a mellora na infraestrutura, a aposta pola formación e o fomento do talento así como o reforzo das liñas de financiamento público.

O segundo gran tema abordado na primeira sesión da reunión anual do Foro Económico de Galicia foi a transición enerxética, contando coas intervencións de Emilio Bruquetas, de Reganosa, e Arturo Gonzalo, de Enagás.

O galego como factor diferencial

Xa este venres, a mañá estivo dedicada a unha mesa de debate sobre o papel da lingua galega, titulada O galego como factor diferencial, coa participación de Xosé Luís Barreiro, Darío Villanueva, Ramón Villares, da USC, e de José María Fonseca, de Adegas Terras Gauda. Para pechar a XII edición da reunión anual do Foro Económico de Galicia tivo lugar un coloquio presentado por Unai Xordo, de CCOO, e moderado por Antón Costas, do CES España, e a realización dun balance e perspectivas da entidade.