DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo constatou a investigadora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Xoana Reguera

A ximnasia acrobática mellora as habilidades sociais na adolescencia

O estudo que realiza con alumnado da ESO permitiulle coñecer tamén os seus beneficios para a autoest

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 05/02/2016

A través do traballo en grupo que implica a execución de figuras como pirámides humanas, a práctica da ximnasia acrobática pode resultar un método eficaz para mellorar as habilidades sociais dos e das adolescentes. Isto é o que vén de comprobar a investigadora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Xoana Reguera a través do deseño e posta en práctica con alumnado de 3º e 4º da ESO dun programa baseado nesta disciplina ximnástica, tamén coñecida como acrosport. “Polo momento, os resultados apuntan a que é eficaz mellorando o autoconcepto e autoestima”, sinala esta investigadora dunha intervención didáctica que pretende “mellorar a capacidade de cooperación grupal, a responsabilidade, a comunicación, a interacción social e a creatividade” do alumnado.

“O estudo nace da vontade de implicar ao alumnado nunha aprendizaxe que lles motive e na que sexa fundamental o traballo en grupo, para ver se isto mellora as súas actividades sociais e persoais”, sinala esta investigadora e profesora da Universidade. Docente así mesmo no colexio Don Bosco de Vigo, onde levou a cabo este estudo, así como na Escola Universitaria CEU de Maxisterio, centro adscrito á Universidade, Reguera desenvolveu esta iniciativa no marco da investigación que está a realizar para a súa tese de doutoramento, que dirixen as profesoras da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Margarita Pino e Águeda Gutiérrez. Nela, esta investigadora do grupo GIES-10 busca afondar nos “efectos que se producen nas habilidades persoais e sociais dos adolescentes” a través da implantación no ámbito educativo de programas como o deseñado para este estudo, que contribúan “dalgunha maneira a desenvolver neles valores prosociais á vez que adquiren coñecementos”.

Cando o resultado depende do traballo en equipo

“Actualmente estamos na fase de análise dos resultados”, sinala a investigadora do programa didáctico que levou a cabo con 82 estudantes de 3º e 4º curso da ESO, cos que puxo en práctica unha unidade didáctica de 18 sesións nas que os alumnos e alumnas “traballaron os contidos específicos da área de Educación Física” e nas que esta investigadora tratou tamén de achegalos a ximnasia acrobática a través de “actividades motivadoras que, tendo un grao de dificultade, son capaces de realizar”.

Nese senso, Reguera recoñece que o estudo “nace dunha reflexión persoal e da miña relación co mundo da ximnasia”. Non en van, tras practicar ximnasia rítmica, esta docente e investigadora vinculouse posteriormente con esta modalidade como adestradora, xuíza nacional e profesora de actividades extraescolares. “O que caracteriza á ximnasia acrobática é a necesidade de traballar en grupo, formando un equipo no que a acción de todos os membros é o que permite chegar á consecución das pirámides humanas”, salienta neste senso, xa que non é posible desenvolver os exercicios que integran esta disciplina “se non existe unha boa unión entre os membros do grupo, xa que é necesario ter confianza nos outros”.

Dos exercicios individuais ao traballo conxunto

De aí que, no marco da súa investigación, deseñase unha unidade didáctica na que traballar “o respecto, a responsabilidade persoal e grupal, o compromiso, a cooperación, os contidos expresivos e as emocións”. Con ese propósito, o programa comprendía en primeiro termo unha serie de exercicios de “acondicionamento físico” que dotasen ao alumnado “das capacidades necesarias para realizar os exercicios propios desta modalidade”. A partires de aí, pasouse a traballar con exercicios ximnásticos individuais como “cambadelas, rodas laterais e equilibrios invertidos”, para logo propor “varios xogos e actividades que traballan a confianza e a conciencia corporal” e así dar paso a aprendizaxe das pirámides e a sesións de traballo nas que “poidan mostrar todo o aprendido mediante a exposición dunha coreografía”.

Nese senso, a análise realizada permitiulle concluír que a práctica desta disciplina resultou beneficiosa tanto para a autoestima como para o propio “autoconcepto” dos rapaces e rapazas, “dúas habilidades persoais que melloraron”. Así mesmo, Reguera salienta que “como avance significativo, atopamos que mellora situacións de bullying e que a medida que melloran as relacións entre iguais, faino o seu autoconcepto físico e familiar”. O seu estudo, engade, abrangueu tanto un estudo cuantitativo, a través dos cuestionarios que o alumnado cumprimentou antes e despois de realizar as 18 sesións, como unha análise de carácter cualitativa “centrada en facer un seguimento das condutas do alumnado” a través da gravación en vídeo e dun “rexistro anecdótico” das sesións, ao que se suma o diario de clase no que o alumnado recollía as súas reflexións tralas diferentes sesións.