DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro dunha investigación para analizar o seu efecto na saúde das mulleres

A ximnasia hipopresiva volve a buscar adeptas

O obxectivo é crear un grupo de mostra de arredor de 200 participantes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 18/02/2011

Con 150 participantes na primeira edición, agora o listón está fixado en acadar 200 mulleres que participen nun grupo de estudo dos efectos da ximnasia hipopresiva na saúde feminina. Esta é a meta que o grupo de investigación en Muller, Saúde e Estética, no que participan as universidades de Vigo e Santiago, ten posta de cara ao 1 de marzo, cando comezará a actividade para as voluntarias. Trátase da segunda convocatoria que fai o grupo de investigación para estudar as repercusións que ten para as mulleres este tipo de exercicio físico.

O vindeiro martes 1 de marzo na Casa do Deporte de Vigo a coordinadora do proxecto, Tamara Rial, impartirá unha conferencia para explicar os obxectivos do estudo e abrirase o prazo de inscrición para as mulleres interesadas. “Este ano ampliamos a mostra a 200 mulleres entre 25 e 55 anos e que sexan sexualmente activas”, aclara a coordinadora.

Como na edición anterior, a través deste estudo queren determinar a relación que as diferentes prácticas de exercicio físico teñen coa función sexual da muller, a incontinencia urinaria, a postura, a diminución da cintura e a dor lumbar, pero este ano engaden outras variables de comprobación como a influencia que poden exercer sobre a motilidade intestinal, o equilibrio e sobre a flexibilidade da columna lumbar. Como explica Tamara Rial, a ximnasia hipopresiva é unha práctica recente, datada do anos 80, de aí “que queiramos investigar os seus potenciais efectos porque cremos que nuns anos experimentará un boom como pasou coa técnica de pilates e queremos que cando iso pase teña argumentos sólidos e un grande aval experimental ás súas costas”.

Prevención da incontinencia urinaria

Esta investigación está a comprobar empiricamente os resultados a nivel estético, a mellora da postura, a relaxación do diafragma e tonificación da cincha abdominal así como perímetro de cintura que se aprecian xa ás dúas semanas de práctica de hipopresivos. Este método do ámbito da uroxinecoloxía fisioterapéutica “queremos introducilo nos centros deportivos para potenciar actividades menos lesivas e que resultan máis produtivas en tempo e esforzo, ademais de paliar o alto índice de lesións de mulleres deportistas con incontinencia urinaria, con caídas de órganos sexuais ou con hernias inguinais”, explica Rial.

As estimacións de acollida do proxecto son moi optimistas, pois o ano pasado a proposta “bateu todas as expectativas, con máis de 400 solicitudes de mulleres interesadas e agora contamos co boca orella de todas as alumnas do ano pasado que quedaron moi satisfeitas cos resultados e coa experiencia”, explica a coordinadora. Ademais apunta que a novidade da actividade tamén axuda e invita á participación. Nun principio, teñen previsto comezar coas sesións prácticas o 15 de marzo cunha avaliación inicial que se comparará cos resultados finais, o vindeiro 15 de xuño. Será en horario de martes a xoves de 20.30 a 21.00 horas no Pavillón do Berbés en Vigo.