DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 25 ao 27 deste mes en Caixanova e Ciencias do Mar con entrada libre

A XIX Semana de Cine Submarino estreará o documental galego "O bosque encantado"

Catro documentais achegarán as espectacularidade dos fondos mariños dos océanos

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 20/11/2009

A Semana de Cine Submarino, unha das citas clásicas e máis esperadas da programación cultural da Universidade, trae consigo este ano a estrea do documental O bosque encantado, unha produción cen por cen galega impulsada polo propio ciclo e que achegará aos espectadores o traballo do realizador Jorge J. Candán, un documentalista cuxos traballos o fixeron xa merecedor dun importante número de premios a nivel internacional.
“Aínda que falamos dunha cita que xa non precisa presentación, é importante seguir subliñando o labor de difusión de coñecemento que ten a semana e a oportunidade que supón para visualizar imaxes incribles dos nosos océanos”, indicou a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza, no acto de presentación desta décimo novena edición, “un aniversario curioso xa que me fai lembrar que a súa historia coincide practicamente coa da Universidade de Vigo, que o vindeiro mes de xaneiro tamén cumprirá 20 anos”.
A cita será entre o 25 e o 27 deste mes e, como vén sendo habitual, a maior parte das proxeccións terán lugar no Centro Cultural Caixanova, se ben tamén se achegará ata o campus, onde haberá tanto proxeccións como conferencias, tanto o mércores como o xoves.

Catro documentais para coñecer ecosistemas únicos

A estrea de O bosque encantado, que será o venres, daralle a oportunidade aos espectadores de achegarse a un bosque descoñecido para o gran público e de coñecer “o ecosistema que mellor identifica as nosas costas”, tal como salientou José Luis González, o director da semana, quen quixo destacar como principal novidade desta edición, o feito de que se apostou por documentais longos, de ata 89 minutos, “podemos dicir que son películas cunha mensaxe documental”, subliñou. Unha liña na que tamén se pronunciou a vicerreitora, que insistiu no carácter educativo do ciclo, “xa que ano a ano tratamos de advertir da debilidade dos ecosistemas mariños e facer fincapé na protección dos nosos ríos e mares”.
Ademais deste documental galego, o ciclo ofrecerá a posibilidade de visionar outros tres documentais: Os reis do Ártico, no que se dá a coñecer como é a vida dun oso polar e unha morsa e que recolle o resultado dun traballo que se prolongou durante 15 anos e gravado a temperaturas de -40º; Sharkwater, gravada polo cámara Rob Stewart, unha peza rodada en alta definición, que trata de desmentir os mitos existentes sobre a quenlla ao tempo que denuncia a caza indiscriminada deste peixe e Caribe Salvaxe: Arrecifes e naufraxios, “que nos permitirá viaxar a un dos hábitats máis ricos do planeta”, como explicou o director da semana, que lembrou a enorme variedade de vida mariña deste hábitat.
Ademais das proxeccións, que terán lugar no Centro Cultural Caixanova ás 20.00 horas, e de xeito previo a cada unha delas a organización do festival proxectará un diaporama sobre o contorno subacuático galego, “unha novidade que lanzamos este ano para que o público poida ver boas imaxes cunha boa produción musical”, recalcou José Luis González.
Ademais de visionar imaxes ás que poucas veces temos a oportunidade de achegarnos, o ciclo supón tamén a oportunidade de conversar e debater sobre as temáticas expostas en cada un dos documentais. O mércores dirixirá o debate sobre as quenllas de Sharkwater, Jesús Souza, decano da Facultade Ciencias do Mar; mentres que o xoves será o oceanógrafo Emilio Marañón o encargado de comentar a proxección deste dia e, xa o venres, estará presente o propio J.J. Candán, autor de O Bosque encantado.

O festival no campus

A vindeira semana o festival será protagonista tamén no campus, onde é unha das citas máis agardadas, sobre todo para os estudantes de Ciencias do Mar. O mércores será o decano, Jesús Souza, o encargado de presentar a película Sharkwater, mentres que o xoves presentarase o filme O bosque encantado, presentado polo propio Jorge Candán.

5000 escolares acudirán as proxeccións

Como cada ano a programación do ciclo inclúe tamén pases especiais para escolares de toda a provincia en horario de 10.00 e 12.00 horas. “En total serán preto de 5000 escolares e máis de 50 centros galegos os que van asistir ás proxeccións”, sinalou na presentación María Pereira, directora de Programación da Obra Social Caixanova, quen insistiu en que o festival dálle a Vigo a oportunidade de converterse por unha semana “no escaparate dos mellores documentais deste ámbito que se están a facer no mundo” e lembrou que se trata dunha cita que sempre é garantía de éxito, xa que “non hai día que non cubramos as 1000 prazas que ten o teatro”.