DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo universitario gañou esta fin de semana ao Porriño BTO Base Grupo Pescanova

As xogadoras de baloncesto amosan a súa calidade na cancha

O conxunto masculino perdeu contra o Seis do Nadal-Coia

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 04/11/2013

Esta fin de semana os equipos de rugby tiveron xornada de descanso pero si xogaron encontros de liga os conxuntos universitarios de baloncesto, tanto o masculino coma o feminino. As xogadoras continúan amosando na cancha o seu bo xogo e gañaron o encontro que disputaron contra o Porriño BTO Base Grupo Pescanova. Pola súa banda, o conxunto sénior masculino viuse superado pola calidade do Seis do Nadal-Coia, equipo contra o que perdeu por un resultado final de 38-58 puntos.

Na Copa Galicia Sur da primeira división autonómica feminina, o Universitario Campus de Ourense sénior feminino de baloncesto disputou a súa terceira xornada de competición o sábado 22 de outubro contra o Porriño BTO Base Grupo Pescanova. As ourensás acadaron un punto positivo e un marcador de 55-67 que as situou segundas na táboa, por detrás do Compañía de María e por diante do Porriño BTO Base Grupo Pescanova. Rematada esta copa, o día 24 de novembro, o conxunto comezará a competir na liga regular da primeira división autonómica feminina, enfrontándose ao Arxil Mafari Café no seu primeiro encontro a disputar.

Pola súa banda, o Universitario Campus de Ourense de baloncesto sénior masculino acumulou o sábado 22 de outubro a súa segunda derrota consecutiva na primeira división. Na terceira xornada de competición, os ourensáns víronse superados polo Seis do Nadal-Coia e remataron o encontro cun resultado de 38-58 e un punto negativo que os sitúa como novenos na táboa. A vindeira fin de semana, o día 9, o conxunto universitario enfrontarase ao Baloncesto Cambre en busca dunha vitoria que rompa os malos resultados dos últimos encontros disputados.

Liga de voleibol 4x4

Alén da competición oficial e co obxectivo de dinamizar a actividade nas diferentes modalidades deportivas que se practican no campus, o Servizo de Deportes está a organizar unha liga de voleibol 4x4. En equipos dun máximo de cinco persoas, a actividade comezará en novembro e os participantes xogarán nas instalacións universitarias luns e mércores. Os tres primeiros clasificados obterán cadanseu agasallos ao remate da competición.