DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O conxunto ourensán gañou esta fin de semana ao Arxil Mafari Cafe

As xogadoras de baloncesto conseguen manter o liderado da liga

O Universitario Campus de Ourense sénior masculino perdeu contra o Club Deportivo Recimil

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 11/03/2013

Esta fin de semana só disputaron encontros de liga os primeiros equipos do campus de Ourense da modalidade de baloncesto, sendo unha xornada de descanso para os de rugby. Na primeira división autonómica feminina de baloncesto, as xogadoras ourensás acadaron unha vitora contra o Arxil Mafari Café que lles permite continuar liderando a liga a pesar da presión dos inmediatos clasificados na táboa. Non tiveron igual sorte os seus compañeiros do Universitario Campus de Ourense de baloncesto masculino sénior, que perderon o encontro disputado contra o o Club Deportivo Recimil.

As xogadoras enfrontáronse o sábado día 9 de marzo ao Arxil Mafari Café nun partido no que volveron a amosar o seu bo momento de xogo, gañando por un marcador final de 66-45 puntos. É a terceira vitoria consecutiva das ourensás, que acumulan once vitorias e catro derrotas no que vai de competición. Séguelles moi de preto na táboa, cun partido menos disputado, o Calasancias, que conta tamén con once vitorias pero tres derrotas. Con este axustado liderado haberá que agardar ás vindeiras xornadas de liga para ver como evolucionan os primeiros postos da clasificación. En contra das ourensás estará o feito de que a vindeira xornada de liga o Universitario Campus de Ourense de baloncesto sénior feminino descansará, tendo que agardar ata dentro de dúas semanas para volver a sumar algún punto.

Na primeira división sénior masculina de baloncesto, o Universitario Campus de Ourense perdeu contra o Club Deportivo Recimil por un marcador de 62-58 puntos. A pesar de que foi un partido moi igualado, os ourensáns non conseguir remontar o encontro e acumulan unha derrota máis, a onceava no que vai de liga. Este resultado mantén ao conxunto universitario no décimo posto da competición. O día 16 volverá a xogar esta vez contra o Porriño Baloncesto Base. Tamén perdeu o seu pertido de liga esta fin de semana o Campus Ourense Blanco Amor. O equipo júnior de baloncesto do campus non conseguiu imporse ao CB Artai, contra o que perdeu por un marcador final de 50-73 puntos.

Descanso en rugby

Os conxuntos sénior de rugby do campus de Ourense descansaron esta fin de semana. Mentres a categoría feminina continúa agardando para xogar os encontros de loita polo ascenso, o equipo masculino prepárase para disputar o día 24 de marzo a xornada 14 e última da liga galega de rugby antes de celebrarse os partidos de ascenso. Neste último encontro, o Campus Ourense Rugby enfrontarase ao CR Ferrol. Si xogou esta fin de semana o equipo cadete do club, que gañou por un claro marcador de 43 a 8 puntos ao Lalín.