DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universitario Campus de Ourense gañou esta fin de semana ao Maristas Cubicaje

As xogadoras de baloncesto consolídase como primeiras da táboa

A categoría masculina perdeu contra o Santo Domingo Betanzos

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 21/01/2013

Esta fin de semana só xogaron encontros de liga os equipos de baloncesto do campus de Ourense e fixérono con desigual sorte, aínda que mantendo a tendencia das últimas xornadas de competición. O Universitario Campus Ourense de baloncesto sénior feminino acadou unha vitoria contra o Maristas Cubicaje. Este resultado consolida ás xogadoras ourensás ao fronte da primeira división autonómica feminina. Pola contra, o conxunto masculino volveu a perder na cancha baloncesto, nesta ocasión contra o Santo Domingo Betanzos, acumulando a súa terceira derrota consecutiva.

Na décima xornada de liga o Universitario Campus Ourense de baloncesto sénior feminino amosou a súa superioridade gañando ao Maristas Cubicaje por un marcador final de 69-56 puntos. Con este resultado, as xogadoras conseguen manter e ampliar as distancias coas súas inmediatas competidoras na táboa, o Calasancias e o Porriño Baloncesto Base Grupo Pescanova. Con nove partidos xogados os tres conxuntos, as ourensás contan con sete vitorias e dúas derrotas, fronte ás seis vitorias e tres derrotas das seguintes clasificadas. Deste xeito, o equipo universitario continúa a súa boa racha esta tempada e agarda consolidarse no liderado da liga a vindeira fin de semana, cando xogará contra o Universitario de Ferrol.

En primeira división sénior masculina de baloncesto a situación é moi diferente. O conxunto ourensán perdeu este domingo contra o Santo Domingo Betanzos por un resultado final de 71-61. Este marcador sitúa ao Universitario Campus de Ourense no sétimo posto da clasificación, con cinco vitorias e seis derrotas. A próxima xornada de liga enfrontarase ao CB Sarria co obxectivo de rachar a serie de derrotas acumuladas nos últimos encontros e poder así ascender aos postos medios da clasificación.

Parón en rugby

Polo que respecta ao rugby, esta fin de semana non se xogaron encontros. De todos os xeito e a pesar do mal tempo que padeceu esta semana Ourense, os adestramentos continuaron, vendo con satisfacción o Club Ourense Rugby como cada día aumenta o número de persoas que desexan incorporarse á práctica deste deporte e como tamén se incrementa o compromiso dos xogadores das diferentes categorías. Este compromiso quedou patente cando esta semana se chegaron a xuntar 80 xogadores e xogadoras no campo adestrando ao mesmo tempo. Un aliciente para o equipo técnico, que ve como o seu traballo de fomento do rugby na cidade dá os seus froitos.