DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo rematou a competición no terceiro posto e empatado a vitorias e derrotas co líder

As xogadoras de baloncesto quédanse ás portas de gañar a liga

A categoría masculina perdeu contra o Santo Domingo Betanzos

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 06/05/2013

Finalmente non puido ser. O Universitario Campus de Ourense de baloncesto feminino sénior quedouse ás portas de gañar a liga da primeira división autonómica e de xogar a fase de ascenso. Empatadas a partidos gañados e perdidos co primeiro e segundo clasificado, as ourensás quedaron terceiras na competición, coa satisfacción de ter realizado unha moi boa tempada pero coa frustración de non obter recompensa ao esforzó realizado. Pola súa banda, a categoría masculina de baloncesto perdeu o encontro que disputou esta fin de semana contra o Santo Domingo Betanzos.

Na primeira división autonómica de baloncesto, o equipo feminino ourensán xogou o sábado contra o Universitario de Ferrol o seu último encontro de liga. As xogadoras gañaron 58-25 e remataron así a tempada con 16 vitorias e 4 derrotas, ao igual que o primeiro e o segundo clasificado da táboa, o Calasancias e o ED Lourenzá Ensino respectivamente. A diferenza de puntos fixo que o conxunto universitario quedase en terceiro lugar, fóra dos postos que daban opción a xogar o ascenso de categoría. “Levabamos máis de tres meses loitando entre os primeiros equipos e finalmente quedamos terceiros por unha diferenza mínima de puntos. É unha situación frustrante pero iso non quita mérito á fantástica liga que fixeron as xogadoras e o equipo técnico”, destaca Roberto Rapela, coordinador da área de baloncesto do campus.

Pola súa banda, o Universitario Campus de Ourense de baloncesto masculino xogou tamén o sábado, día 4 de maio, un novo partido, neste caso contra o Santo Domingo Betanzos. Os ourensáns perderon por 54-61 puntos e con este resultado sitúanse décimos na táboa, con dez vitorias e 13 derrotas. O vindeiro sábado, día 11 de maio, o equipo xogará contra o CB Sarria o seu último partido da liga da primeira división sénior masculina desta tempada. “Os xogadores tamén fixeron unha liga moi boa. Están practicamente fóra dos postos para xogar o descenso e conseguiron manterse na competición a pesar de ser un equipo moi novo que acaba de ascender a esta categoría, categoría na que se enfronta a outros conxuntos que descenden a ela ou que levan nela moitos anos nela e que teñen xogadores veteranos. Dadas as circunstancias, hai que valorar moito o traballo feito por estes xogadores”, explica Rapela.