DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Despois de gañar 41-17 ao Universidade de Vigo RC

As xogadoras de rugby clasifícanse para a final da Copa Xunta

O conxunto feminino de baloncesto disputará a vindeira fin de semana o ascenso á liga estatal

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 12/05/2014
O deporte feminino está a dar ao campus de Ourense grandes alegrías nas últimas xornadas de competición. Despois de que o Universitario Campus Ourense de baloncesto sénior gañase a pasada fin de semana a Liga da Primeira División Autonómica, esta fin de semana as xogadoras de rugby continuaron esta boa racha clasificándose para a final da Copa Xunta. As ourensás conseguiron este éxito despois de gañar na casa ao Universidade de Vigo RC. As xogadoras soñan agora con facerse con este ansiado título e ver así recoñecido o esforzo destes meses de dura competición e adestramentos.

Segundo explican desde o Campus Ourense Rugby, “o equipo feminino do club da cidade cóase na final da Copa Xunta ao dobregar ao Vigo por 41 a 17. O partido foi disputado na tarde do sábado coa grada chea de xente para recibir ao Campión de Liga. As rapazas de Peluso, con moita actitude e unha forte defensa, lograron desquitarse da eliminación da liga fai un par de semanas en Vigo e apear a este da final da Copa Xunta”. Agora, destacan, os seus esforzos estarán encamiñados a conseguir esta copa autonómica en As Pontes, posiblemente o vindeiro domingo.

Buscando o ascenso en baloncesto feminino

Mentres as xogadoras de rugby celebran este éxito e se preparan para a final, as xogadora de baloncesto do campus tamén se adestran para acadar outro reto, neste caso conseguir un dos postos de ascenso á liga estatal. O Universitario Campus Ourense xogará en Pravia, Asturias, durante a fin de semana do 16 de maio a fase de ascenso na que competirán seis equipos para dúas prazas dispoñibles. O conxunto aspira a obter un destes postos de ascenso contra os dous primeiros clasificados de Castela e León e os gañadores das ligas de Asturias e Cantabria. No grupo A-1 da fase de ascenso estarán Grupo Tirso (2º de Cantabria); Fodeba (1º Asturias) e o conxunto ourensán. No grupo A-2 Calasanz (1º Cantabria), GD Bosco (2º Asturias) e Arxil Mafari Café. “O precedente é bo, porque o ano pasado ascenderon os dous equipos galegos que foron, pero a ver que acontece, porque xa de primeiras nos toca o máis complicado, o campión de Asturias, que gañou con superioridade total todos os seus partidos de liga. Nós iremos a competir co máximo nivel pero tamén a gozar da experiencia, que é un premio final a todo un ano de competición e esforzo”, subliña Adrián Álvarez, adestrador do conxunto ourensán.