DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola Infantil Universitaria acolle unha actividade na que pais e nais explican os seus traballos

Xogar a ser maior para descubrir vocacións profesionais

Con esta iniciativa refórzase o vínculo educativo entre a familia, o neno e o centro escolar

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 19/03/2012

O alumnado máis novo da Universidade de Vigo xa pensa no que quere ser de maior. Perruquería, fontanaría, avogacía... son algunhas das profesións que os nenos e nenas da Escola Infantil Universitaria do campus están a aprender da man dos seus proxenitores. O centro celebra durante este mes de marzo unha actividade na que pais e nais explican aos pequenos as súas profesións dunha forma lúdica e comprensible. “Trátase dunha iniciativa que quere integrar aos pais e nais nas actividades do centro para que colaboren con nós e tamén compartan as súas experiencias”, apunta Ángeles Rodríguez, directora da escola infantil da Universidade.

Este ciclo de actividades comezou cunha sesión dedicada á perruquería na que unha nai acudiu ao centro equipada de peites, secadores e maquillaxes para que nenos e nenas aprenderan a peitearse, a pintar as uñas e os beizos. A directora destaca o entusiasmo co que os máis pequenos viviron esta xornada “xa que nestas idades séntense especialmente atraídos polo real e apaixónalles poder botarlle man ás ferramentas de verdade”. Tamén recibiron a visita doutra nai que lles ensinou a linguaxe de signos “e que lles aprendeu a dicir papá, mamá ou avó a través de xestos”, engade. Unha decoradora de interiores, un avogado, unha ama de casa, un militar e un fontaneiro tamén pasarán pola Escola Infantil Universitaria para explicarlle aos seus fillos e fillas a que se dedican “cando eles están no colexio”.

Participación da familia na escola

Este tipo de actividades nas que se fomenta a presenza parental nas aulas reforzan o vínculo entre a familia, o centro e o neno, “imprescindible para ofrecer unha educación completa e coordinada”, unha liña de actuación que se está a converter en prioritaria nas garderías “co fin de facer partícipes aos proxenitores dende a base”, explica a directora. A escola organiza con frecuencia iniciativas divulgativas e lúdicas ás que convidan a pais e nais “para que sintan a responsabilidade que teñen na educación dos seus fillos e tamén para que a relación co profesorado sexa fluída”. O certo é que esta actividade espertou grande interese entre os adultos “o que nos obrigou a ampliar o número de sesións” e tal foi o grao de implicación que “moitos nos pediron asesoramento para tentar facer a práctica o máis amena e entendible posible”, engade Rodríguez.

Ademais de estreitar lazos entre a escola e a familia, esta práctica tamén se converte nun exercicio pedagóxico para os cativos e cativas. Como explica Ángeles Rodríguez, os rapaces e rapazas de dous a catro anos empregan o xogo simbólico para o desenvolvemento das súas capacidades “polo que a imitación dos procesos que observan enriquece a súa creatividade e motrocidade ademais de achegarlles un exercicio distinto do que acostuman a vivir a diario”.

Primeiro aniversario

A Escola Infantil da Universidade de Vigo acaba de cumprir un ano dende que abriu as súas portas en 2011. A directora Ángeles Rodríguez atrévese a facer balance neste primeiro aniversario sinalando a satisfacción dos pais e nais polos servizos e polas instalacións do centro. “As prazas desta escola teñen bastante demanda xa que gusta moito a contorna natural na que está emprazada, á beira do río e con moita luz, ademais dun patio de grandes dimensións no que os nenos e nenas gozan da paisaxe e dos días de sol”, sinala a directora. Nestes momentos a escola ten aberto o seu período de preinscrición de matrícula para o curso 2012-2013 que rematará o vindeiro 31 de marzo.