DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu este mércores e xoves as Fases Finais das Ligas Universitarias

Xogo limpo e competición sa para dous días de encontros Intercampus

Participaron equipos de Vigo, Pontevedra e Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 03/02/2012

O campus de Ourense acolleu esta semana o Torneo Intercampus, Fases Finais das Ligas Universitarias. Un momento para a competición e a diversión entre xogadores dos tres campus da Universidade de Vigo do que saen os equipos que logo se enfrontarán aos clasificados das outras universidade galegas nas mesmas categorías deportivas. Nesta ocasión, en Ourense disputáronse os partidos de baloncesto, voleibol, fútbol e fútbol sala, con resultados desiguais para cada un dos campus universitarios pero coa satisfacción do bo desenvolvemento desta fase final, onde primou o xogo limpo e a competición sa.

O primeiro día xogáronse os partidos de baloncesto e voleibol. En baloncesto os gañadores foron Vigo 2 Cunilingus, que se impuxo ao Vigo 1 Sangra Bonito por 48-39 puntos. O equipo ourensán conseguiu un terceiro posto ao gañar ao Pontevedra por 42-34. Polo que respecta ao voleibol, o campión foi o Campus de Ourense, que se impuxo a Pontevedra por dous sets a cero.

O segundo día de competición os protagonistas foron o fútbol e o fútbol sala. A final de fútbol sala foi disputada entre dous equipos do campus de Vigo, gañando o Sogevinus-Toma Espectáculo ao Tito FC cun resultado final de 5-3. Tamén en fútbol a final foi disputaron entre xogadores vigueses, quedando en primeiro lugar o Vigo 2 Egua FSMC cun resultado final de 3-1 fronte ao Vigo 1.

O torneo contou coa asistencia dos técnicos de Deportes dos tres campus da Universidade de Vigo, organizadores da cita. Trátase de Rodrigo Pivida, do campus de Ourense; Eduardo Rodríguez, do campus de Vigo, e Gustavo Loureiro, do campus de Pontevedra, que salientaron a súa satisfacción polo desenvolvemento dos partidos, polo bo xogo dos participantes e polo ambiente distendido que rodeou a competición.