DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo da Universidade regresa moi satisfeito da súa participación na final de Beertual Challenge

Un xogo que remata sendo unha experiencia inesquecible

Tiveron a oportunidade de defender en México un proxecto de negocio ante directivos de multinacionai

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 09/04/2012

Todo comezou como un xogo en Internet e sen máis expectativas que divertirse pero rematou coa defensa en México dun proxecto empresarial propio ante directivos dalgunhas das principais empresas multinacionais do país. Antonio Cartolano, Isabel Rodríguez e Diana López, alumnos do Máster Oficial Universitario en Creación, Dirección e Innovación na Empresa da Universidade de Vigo, xa están de volta despois de participar en Ciudad de México na final xogo de negocios Beertual Challenge, do grupo cervexeiro Modelo. Non acadaron ningún dos premios pero regresan coa satisfacción de ter feito un moi bo traballo e de vivir unha experiencia persoal e profesional inesquecible.

O equipo finalista, que participou baixo o pseudónimo de Águila Roja, defendeu o día 22 de marzo na capital mexicana a súa idea ficticia de negocio dunha cervexa artesanal. Con esta presentación culminaba un concurso onde os xogadores ourensáns tiveron que pasar unha serie de probas eliminatorias que se desenvolveron vía Internet para conseguir clasificarse entre os preto de 5000 participantes iniciais. Unha vez superadas estas probas Águila Roja acadou un pase á final na categoría de mestrados, onde se tivo que enfrontar con equipos procedentes de Cantabria, México e Arxentina.

Diferenzas mínimas cos gañadores

“En México a experiencia foi estupenda. Todo se desenvolveu nun ambiente moi profesional e cordial, ao mesmo tempo que competitivo”, explica Antonio Cartolano. O momento máis importante foi a presentación do seu proxecto ante os responsables do Grupo Modelo, empresa que entre outros produtos conta coa cervexa Coronita; HP México; Grupo Posadas e InterProtección. Foi unha audiencia "extraordinaria", como eles mesmos cualifican, para estes alumnos da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense. A pesar do respecto que lles impuxo falar de negocios ante estes profesionais, salienta Cartolano, “atopámonos moi ben como equipo, manexando axeitadamente o escenario e o debate sobre o proxecto”.

Durante a súa intervención, que se prolongou durante vinte minutos, “presentamos un proxecto de empresa cervexeira no que destacabamos o lanzamento dun produto artesanal e no que xogabamos coas novas tecnoloxías e a comercialización”, comenta Diana López. “Nos momentos previos a presentar a nosa idea estabamos moi nerviosos pero logo, no escenario, os nervios esfumáronse e aínda que non gañamos fixémolo moi ben”, apunta Isabel Rodríguez.

Unha valoración e unha satisfacción non só compartida polos tres protagonistas da experiencia senón tamén pola profesora Elena Rivo que os acompañou nesta aventura. “A competición tivo un nivel altísimo e o propio director xeral do Grupo Modelo, Carlos Fernández, nos felicitou pola traballo presentado e nos transmitiu que a diferenza entre os gañadores e os demais participantes foi mínima”, destaca Rivo. Por este motivo quere felicitar especialmente aos tres estudantes participantes polo excelente traballo que fixeron, tanto na preparación previa do proxecto coma na súa presentación e defensa en México.