DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola Infantil celebrou unha xornada de portas abertas coa participación de pais e nais

Xogos e convivencia para recibir ao alumnado máis novo do campus

Entre o venres e o luns comezarán as clases os 47 nenos e nenas matriculados este curso neste centro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 04/09/2014

O tempo de retornar ou de acudir ao campus por primeira vez chegou tamén para os máis novos e as máis novas, os nenos e nenas da Escola Infantil, que este xoves viron como o centro abría de novo as súas portas para eles tralas vacacións. Como explica a súa directora, Ángeles Rodríguez, co obxectivo de impulsar un “primeiro contacto entre os nenos que continúan do ano anterior e aqueles que acoden por primeira vez”, o curso 2014-2015 comezou cunha xornada de portas abertas na que participaron nais e pais, que puideron compartir cos seus fillos e fillas as súas primeiras horas na escola e gozar con eles dos diferentes xogos e obradoiros que se prepararon para a ocasión.

Un taller de plástica, unhas piscinas cheas de anacos de papel ou un circuíto de circulación dotado de todas as sinais precisas para respectar a seguridade viaria foron algunhas das propostas coas que o profesorado da Escola Infantil do campus recibiu nesta xornada aos 47 nenos e nenas matriculados para o presente curso. “Para nós tamén é o primeiro contacto con eles despois do mes de vacacións e por iso queríamos que a de hoxe fose unha xornada lúdica na que puidesen coñecer as súas profesoras e aos que serán os seus compañeiros”, explica Rodríguez. Así mesmo, esta xornada de portas abertas tamén permitiu que pais e nais se familiaricen coas que serán as profesoras dos seus fillos e fillas, ás que xa coñeceron nas entrevistas que mantiveron entre o luns e o mércores co persoal do centro, co obxectivo de este puidese “coñecer un pouco como é o neno, os seus hábitos ou se ten algunha enfermidade, alerxia, intolerancia...”, relata Rodríguez. Non en van, dos 47 nenos e nenas actualmente matriculados no centro, 30 vivirán neste curso 2014-2015 a súa primeira experiencia no campus.

O primeiro paso dun proceso de adaptación

O profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Iván Puentes foi un dos pais que participou nesta xornada de portas abertas, que definiu como unha “boa iniciativa para que os nenos se vaian familiarizando co centro e así, cando comecen as clases, veñan máis contentos”. Despois de coñecer ao profesorado da escola, Puentes puido nesta xornada compartir xogos co seu fillo antes de que a este lle toque asistir xa só ao centro. “Igual hai algún choro, aínda que seguro que será máis traumático para nós que para el”, apuntaba con humor.

Está previsto que aqueles que xa formaban parte da escola o pasado curso inicien mañá venres as clases con normalidade, mentres que os novos alumnos e alumnas comezarán o luns cun “período de adaptación” polo que, como explica a directora da escola, “o primeiro día só viran media hora, ao seguinte 45 minutos e así progresivamente iremos aumentando o tempo que permanecen aquí durante as dúas primeiras semanas”.