DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade terá lugar este martes na Facultade de Dereito

Unha xornada abordará a “discriminación múltiple e interseccional” das traballadoras especialmente vulnerables

Analizarase no marco da Lei 15/2022 para a igualdade de trato e a non discriminación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 09/10/2023

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolle este martes, 10 de outubro, a xornada Traballadoras especialmente vulnerables. Discriminación múltiple e interseccional na lei 15/2022. A actividade “pretende proporcionar ao alumnado unha formación complementaria á dispensada no marco da docencia tradicional sobre a discriminación múltiple e interseccional da muller, que comporta a súa maior vulnerabilidade no acceso e mantemento do seu emprego cando concorren na mesma traballadora varias causas de discriminación”.

A xornada está organizada por Jaime Cabeza, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, e polas profesoras de Dereito do Traballo e da Seguridade Social Marta Fernández e Francisca Fernández Prol. Conta co patrocinio da Unidade de Igualdade da UVigo e enmárcase no proxecto de investigación, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, Adaptación e Mantemento do Emprego no Novo Ecosistema Produtivo.

Acumulando factores de discriminación

Segundo explican desde a organización da xornada, a discriminación múltiple ou acumulativa e a discriminación interseccional, definidas e incluídas na Lei 15/2022 integral para a igualdade de trato e a non discriminación, presentan unha vinculación estreita coa exclusión social de grupos desfavorecidos e coa aparición de novas manifestacións de discriminación que precisan dunha tutela específica. As mulleres, sinalan, "resultan especialmente vulnerables cando á discriminación por razón de sexo engádeselle calquera outra das causas de discriminación previstas na lei, como a maior idade, a raza, etnia, relixión ou crenzas ou a discapacidade".

Nesta liña de interese, na sesión Yolanda Maneiro, profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universitade de Santiago de Compostela, falará do concepto de interseccionalidade e da discriminación por estereotipos de xénero e idade, concretamente da muller de idade madura. Susana Rodríguez, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidad de León, ofrecerá a conferencia Muller e discapacidade: discriminación múltiple, barreiras e alternativas e Fernando Lousada, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e profesor de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade da Coruña, abordará a interacción da liberdade de relixión ou crenzas, raza e etnia coa no discriminación por razón de sexo.