DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de especialistas do eido xurídico, da inspección e de axentes sociais

Unha xornada afonda na descentralización produtiva e as novas estruturas empresariais

Organizada pola Facultade de Dereito, o CGRL e o Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Académica
DUVI Ourense 25/10/2023

O campus de Ourense acolleu este mércores a celebración da xornada Descentralización produtiva e novas estruturas empresariais, organizada pola Facultade de Dereito, o Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL) e o Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense. A temática elixida para esta edición dunha xornada que se celebra anualmente entre os tres órganos organizadores, abordouse desde o punto de vista xurídico pero tamén desde a visión dos axentes sociais e da inspección.

A dirección da actividade correu a cargo de Antía Sández (presidenta do CGRL); Marta Fernández e Francisca Fernández Prol (profesoras da Facultade de Dereito) e Susana Soneira (presidenta do Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense), estando na inauguración da xornada ademais Cándido Sanisidro, vicepresidente deste colexio profesional. A programación contou con intervencións de Ruth Cobo, inspectora de Traballo e Seguridade Social, sobre o marco legal da subcontratación; de Emilio Fernández, maxistrado da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sobre a perspectiva xudicial da descentralización produtiva, e de Jaime Cabeza, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da UVigo, sobre traballo autónomo e subcontratación. Houbo ademais unha mesa de axentes sociais con representantes da CIG, SN de CCOO-Galicia, UGT-Galicia e da Confederación de Empresarios de Galicia.

A descentralización produtiva, comentan desde a organización da xornada, “foi sempre unha materia complexa de abordar xuridicamente en orde a garantir a debida protección das persoas traballadoras afectadas por ela, máis se cabe tendo en conta o auxe do traballo a distancia ou o enmarcado en plataformas dixitais e outras novas formas de desenvolvemento empresarial”. Ademais, engaden, considerando a nova perspectiva coa que se debe tratar este ámbito á luz das reformas introducidas polo Real Decreto Lei 32/2021 de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía de estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, “debe asegurarse un uso adecuado nos supostos que melloran a actividade produtiva, á vez que o desincentive naqueles en que é un mero instrumento de redución de custos, así como avanzar cara á equiparación de condicións das persoas traballadoras subcontratadas e reforzar a responsabilidade das empresas contratistas ou subcontratistas”. Neste contexto, sinalan, “a análise debe facerse dende o obxectivo de garantir o equilibrio entre axilidade e flexibilidade e un nivel axeitado de protección ás persoas traballadoras das subcontratas, en relación cos traballos que desenvolven”.