DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co apoio da Consellaría de Innovación e Industria e o INEGA

Unha xornada analiza as claves que levaron a enerxía eólica a ser un sector clave en Galicia

Expertos da universidade presentaron un informe sobre o impacto socioeconómico deste sector na comun

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 24/11/2008
A incidencia do marco regulador da enerxía eólica na economía e na sociedade local centra este luns o debate no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. A Xornada, que conta coa presenza de recoñecidos profesionais no sector en España e Portugal, está organizada polos grupos de investigación GI en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía, REDE e RGEA, interesados en atender a dinámica económica e os fenómenos conxunturais que ocorren na sociedade, entres os que destaca “a conversión da enerxía eólica en Galicia nun subsector estratéxico no ámbito industrial e con significativa incidencia no mundo rural”, explicaba María Montero membro de REDE na presentación do evento.
Santiago Gómez, decano da facultade, atribuíalle unha dobre importancia ao tema desta xornada, pois “no contexto actual o sector enerxético resulta estratéxico para calquera país do mundo e, sen lugar a dúbida, o sector da enerxía renovable representa o futuro do mesmo”, que segundo a perspectiva de profesionais da materia a fracción máis tanxible dese futuro descansa na enerxía eólica, actividade na que Galicia ven desempeñando e organizando unha forte aposta nos últimos anos.
As ideas e obxectivos que levaron a organizar o evento, apoiado pola Consellaría de Innovación e Industria e o Instituto Enerxético de Galicia, céntranse “na pretensión de entender a dinámica do sector eólico na nosa economía e estimar o seu impacto socioeconómico en termos de emprego, de valor engadido e rendas para os propietarios rurais naquelas áreas onde se asentan os aeroxeradores”, suliñaba Montero.

O contido das exposicións

Fidel Castro, profesor da Universidade, foi o encargado de abrir a xornada contextualizando o mercado eléctrico español, sometido nos últimos anos a un evidente proceso liberalizador. A exposición centrouse en seis puntos: a electricidade como ben especial, destacando as características técnicas e económicas da mesma; o modelo tradicional de regulación do sector eléctrico; a reforma liberalizadora do sector eléctrico, onde “a apertura á competencia de actividades de xeración e comercialización; a regulación das actividades de rede, transporte e distribución; a creación dun mercado maiorista de electricidade (pool) e a aparición de maneira explícita as figuras do operador de mercado (OMEL) e o operador do sistema (REE) foron algúns dos elementos innovadores”, sinalaba Castro; a aplicación ao caso español, onde os tres fundamentos básicos son “a competencia, a descentralización e a re-regulación”; a valoración da reforma e un resumo xeral do papel das enerxías renovables dentro deste marco.
O director do INEGA, Juan Álvarez, tratou a continuación os aspectos que explican o proceso de desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia, “unha rexión pioneira no ámbito do estado na regulación deste tipo de enerxía e un referente, na segunda metade dos 90, no que atinxe ao avance da potencia estelar”, apuntaba Álvarez.
Jorge de Sousa, do Instituto Superior de Engenharia de Lisboa, ilustrou sobre o proceso de desenvolvemento da enerxía eólica no noso país veciño aos alí presentes, profesionais, licenciados, enxeñeiros, xuristas e outras persoas vinculadas ao tema.
“Para explicar con maior garantía de acerto as razóns do maior ou menor desenvolvemento deste sector na economía galega outros dos aspectos fundamentais ao que atender é á natureza e á amplitude do sistema de incentivos económicos”, sinalaba María Montero. O Ministerio de Industria é quen ten as competencias para establecer a cuantía do apoio económico a este tipo de actividades e neste senso falou o profesor e investigador do CSIC Pablo del Río, unha das principais figuras no ámbito español e internacional na ánalise dos diferentes sistemas de incentivos, que expuxo as vantaxes e os inconvintes do sistema de primas.
As comunidades autónomas, dentro do ordenamento xurídico español, teñen atribucións para a regulación da enerxía eléctrica do réxime especial, aquela que desenvolvéndose exclusivamente dentro do seu territorio non supere os 50 megawatios de potencia. E dentro do estado, quíxose facer especial fincapé no caso de Navarra, que ten a particularidade de terse convertido en punto de referencia no ámbito tecnolóxico e de formación de recursos humanos, capacitados para facer fronte aos retos que require a enerxía renovable en xeral e a eólica en particular. Con este motivo, as xornadas contan coa presenza de Francisco Javier Faulín e Fernando Lera, profesores da Universidade Pública de Navarra, encargados de explicar a repercusión que ten este subsector dentro da economía local, froito da realización de estudos na rede empresarial.
Xavier Simón, docente na Universidade de Vigo, será o encargado de pechar a xornada presentando, baixo o título de Impacto socioeconomico da enerxía eólica en Galiza, os primeiros resultados do traballo realizado polos tres grupos de investigación.

Un subsector estratéxico e clave na política enerxética galega

Son dúas as razóns que explican por que este conxunto de profesores da Universidade iniciaron o que consideran un frutífero proceso de colaboración na análise dun subsector estratéxico e clave na política enerxética galega. A primeira delas é a presentación dun proxecto de investigación, aprobado dentro do plan galego de I+D+i, “onde se pretende analizar o impacto dos diferentes marcos reguladores das enerxías renovables en xeral e da enerxía eólica en particular no mundo rural”, sinala Monter. “A encomenda do INEGA para analizar o nivel de cumprimento que cubriu aquí en en Galicia os plans xenéricos empresariais”, foi o outro motivo.