DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha xornada analiza dende unha visión xurídica as relacións entre mercado e empresa

O catedrático Manuel Botana afondou, na primeira sesión, nas administracións concursais

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 31/03/2009

Coa intención de abordar cuestións de máxima actualidade referidas á regulación xurídica do mercado, entendido este como o lugar onde se desenvolven as transaccións comerciais, e a empresa, no tocante ao operador que realiza actividades nese espazo, a Facultade de Dereito acolle hoxe e mañá a I Xornada Dereito, mercado e empresa.
A pesar de que é a primeira vez que se organiza esta xornada a súa directora Ana María Tobío, catedrática de Dereito Mercantil, agarda “que nun futuro se celebren outras edicións”, xa que este curso sirve para dar a coñecer distintos aspectos sobre o mercado e a empresa “de grande interese e, ademais, propicia un punto de debate e reflexión sobre o tema”, comentou durante a inauguración.
A xornada, dirixida especialmente a estudantes, tanto do ámbito xurídico como empresarial e económico, e a profesionais, tamén está aberta a todas aquelas persoas que desexen informarse sobre estes temas. Segundo Tobío, as conferencias aportarán aos participantes “un maior coñecemento de temas xurídicos que afectan ao mercado en xeral e a empresa en particular de máxima actualidade”.
Tras a intervención da directora da xornada, Mercedes De Paula, tamén catedrática de Dereito Mercantil, foi a encargada de presentar ao conferenciante do día, Manuel Botana, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela ,“mestre de mestres” que contribuíu á formación de numerosos alumnos, “discípulos seus que hoxe son grandes xuristas e avogados”, afirmou De Paula.

Dous días, dúas materias xurídicas

As xornadas centraranse cada día nun tema de actualidade grazas aos relatorios dos dous conferenciantes convidados “persoas acreditadas polo seu currículo e cun gran prestixio e relevancia nacional e internacional”, afirmou Tobío. No caso de hoxe a conferencia ofrecida por Manuel Botana centrouse no Dereito Concursal facendo especial fincapé na responsabilidade dos administradores concursais. A importancia desta materia é evidente e “por sorte ou por desgracia atópase de actualidade”, comentou Botana, xa que “a actual crise económica supón un incremento da insolvencia empresarial e a apertura dun gran número de procesos concursais”. O feito de que se estean a usar tanto este tipo de leis non é un bo síntoma senón que indica que “as cousas en termos de relacións de tráfico económico non marchan como deberían”.
O obxectivo das administracións concursais, ademais de regular a situación na que se atopa o debedor cando non pode facer fronte ás súas obrigas, “é proporcionar algo de tranquilidade ante a impotencia e insolvencia deste”. Estes casos atópanse regulados pola Lei Concursal do ano 2003 que establece nos seus artigos, entre outras cousas, “a composición das administracións concursais, as súas funcións e a súa responsabilidade”, xa que no exercicio deste cargo os administradores poden causar danos e prexuízos “se non actúan coa debida dilixencia”.
Mañá mércores pecharase a xornada co relatorio de Rafael Illescas, catedrático de Dereito Mercantil da Universidad Carlos III de Madrid e presidente da Comisión das Nacións Unidas para o Dereito Mercantil Internacional, que falará da situación actual e das perspectivas de futuro do Dereito Uniforme do Comercio Internacional e do labor que ven realizando a comisión que el preside. Segundo Tobío, “esta normativa ten unha gran transcendencia para o desenvolvemento das transaccións comerciais no contexto mundial nunha economía cada vez máis globalizada”.