DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Contou coa asistente dun centenar de estudantes e profesionais

Unha xornada analiza as novas tendencias e control na etiquetaxe de produtos alimentarios

Foi organizada polo grupo Food and Health Omics da Facultade de Ciencias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Visitas
  • Investigación
DUVI Ourense 05/05/2023

Arredor dun centenar de estudantes e profesionais asistiron este venres na Facultade de Ciencias do campus de Ourense á xornada A etiquetaxe de produtos alimentarios. Novas tendencias e control, organizada polo grupo Food and Health Omics da Universidade de Vigo. Nela, distintos axentes da cadea alimentaria expuxeron a súa experiencia neste eido e abordaron os cambios na etiquetaxe que se están producindo e que se albiscan no horizonte europeo.

Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, salientou na inauguración da cita, á que tamén asistiu Francisco Javier Rodríguez Rajo, decano da Facultade de Ciencias, que a etiquetaxe é “un tema de moito interese” e “moi acaído” de abordar na actualidade e recalcou a pertinencia de facelo neste centro, lembrando como a UVigo está entre as 75 mellores do mundo na área de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos. “Estades nunha facultade moi boa para aprender, moi dinámica”, díxolle ao público asistente.

O papel das e dos tecnólogos de alimentos

"A información facilitada a través da etiquetaxe dos produtos alimentarios é unha ferramenta útil e imprescindible para que o consumidor poida escoller conscientemente aqueles alimentos que vai consumir. Esta información está en evolución constante e por iso é importante coñecer as últimas tendencias en etiquetaxe e os controis que efectúa a administración pública co gallo de garantir o cumprimento da normativa europea. En todo este proceso, as e os tecnólogos de alimentos xogan un papel primordial", sinalan desde a organización da actividade, coordinada polas profesoras e investigadoras da Facultade de Ciencias Beatriz Cancho e Raquel Rial.

As responsables da iniciativa amosaron a súa satisfacción pola acollida da xornada. “Conseguimos mobilizar tanto ao noso alumnado de grao e mestrado como estudantes de Formación Profesional de ciclos vinculados co eido agroalimentario e empresas”, sinalaron. O obxectivo proposto nesta xornada, lembraron, era que transcendese o ámbito académico e que chegase ao maior número posible de persoas da cadea alimentaria: para abordar a temática específica escollida pero tamén para impulsar que na empresa alimentaria se coñeza a formación e funcións dun tecnólogo de alimentos (tendo en conta que nesta Facultade de Ciencias se imparte o Grao en Ciencias e Tecnoloxía dos Alimentos) e ao mesmo tempo que este alumnado se achegue ao que vai a ser o seu mercado laboral no futuro.  

Diferente visións

A programación da xornada arrancou cunha conferencia sobre as “clean label” ou etiquetaxe limpa, e unha aproximación á tendencia no etiquetado de produtos e cambios nas percepcións dos consumidores, a cargo de Belén Vázquez, coordinadora da área de Mercados e Internacionalización do Clúster Alimentario de Galicia. A “clean label”, indicou a convidada, “é unha tendencia comercial que se está implementando na industria alimentaria a nivel mundial e que está a dar os primeiros pasos nos produtos na industria alimentaria”. Esta etiquetaxe, dixo, “pon o foco en toda a parte nutricional, con esa eliminación de aditivos e substancias que son perniciosas para a saúde” e en conseguir que “a información que se achegue ao consumidor sexa máis clara, sinxela, que sexa compresible de maneira non dificultosa”. Trátase, afirmou, de que “o consumidor se vaia acostumando a ler as etiquetas para facer un consumo consciente dos produtos alimentarios”.

Na súa conferencia, Belén Vázquez tamén falou dos cambios que se están producindo nas e nos consumidores e como por exemplo está habendo “unha redución deses ingredientes que non son tan bos para a saúde, como poden ser o azucre, as graxas saturadas ou incluso o sal e hai un incremento de consumo de, por exemplo, fibra e outro tipo de ingredientes con propiedades máis saudables”. Neste contexto, a relatora destacou que as persoas que vaian a traballar na industria agroalimentaria teñen que ter en conta que a e o consumir “é cada vez máis consciente e demanda máis coidado do planeta, procesos produtivos que sexan sostibles e á vez ser eles partícipes da toma de decisións que fan porque teñen toda a información dispoñible e pódena comprender”. A etiquetaxe limpa, dixo, non ten detrás unha normativa, “é un cambio na cultura de como nos alimentamos e nos informamos das propiedades nutricionais e o impacto ambiental do que consumimos”.   

A xornada continuou cunha conferencia sobre a información nutricional como ferramenta para a promoción da saúde, de Ana Martínez, técnica experta en nutrición do Servizo de Estilos de Vida e Educación para a Saúde, da Dirección Xeral de Saúde Pública, e outra de Elva González, do Servizo de Control da Calidade Alimentaria, da Consellería do Medio Rural, sobre o control dos produtos de calidade diferenciada: DOP-IXP-ETG e produtos ecolóxicos. Ademais, Sol María Vázquez, do Instituto Galego de Consumo e da Competencia, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, falou sobre o control do mercado por parte do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, e Lourdes Montero, Scientific & Regulatory Affairs Manager de Coca-Cola Iberia, interveu sobre o papel das e dos tecnólogos na industria alimentaria máis alá do cumprimento da lexislación. A programación rematou cunha mesa redonda sobre os cambios na etiquetaxe que están por chegar.