DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores pola tarde na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

Unha xornada analizará aspectos prácticos do dereito sanitario

Abordaranse temas relacionados coa xestión dos servizos e coa responsabilidade patrimonial

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Académica
M. Del Río DUVI 17/04/2023

A pesar de que o Dereito e a Sanidade poden semellar ramas do coñecemento moi distantes, “o certo é que teñen unha profunda vinculación”. Así o sostén a profesora de Dereito Administrativo da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo Montserrat Otero, que impulsa a organización da xornada Dereito e Sanidade. Cuestións prácticas no ámbito do dereito sanitario. Subliña a docente que “os profesionais sanitarios, a miúdo teñen que observar nas súas decisións normas que protexen os dereitos da cidadanía que poden condicionar o sentido das súas actuacións. Por outra parte, os profesionais do Dereito deben coñecer as dificultades ás que se enfronta o persoal sanitario para proporcionar solucións e ferramentas adecuadas que faciliten o seu traballo e protexan os dereitos dos pacientes”.

Precisamente, o obxectivo da xornada, que se celebrará este mércores 19 de abril a partir das 17.15 horas no salón de graos da facultade, é “achegar estas dúas posicións e comprender os diferentes puntos de vista da necesidade conxunta de aplicar o Dereito Sanitario, dende a xestión a outros aspectos relacionados cos dereitos das persoas usuarias da sanidade pública.” 

Como indica Otero, a idea de organizar este evento xurdiu ao detectar “a necesidade de proporcionar ao estudantado un enfoque práctico de materias que se estudan no eido do Dereito Administrativo dende o punto de vista de profesionais, achegando a realidade e a casuística práctica á formación que se imparte nas aulas”. Para iso, o evento contará coa participación de "profesionais de recoñecida experiencia que traballan no ámbito da Medicina e do Dereito e que posúen unha excelente capacidade para trasladar os seus coñecementos tanto da xestión como da práctica sanitaria”, procedentes do Servizo Galego de Saúde, da Consellería de Sanidade e de hospitais.

Dous paneis temáticos

A xornada comprende dous bloques principais. No primeiro deles abordaranse cuestións relacionadas coa xestión pública da sanidade e aspectos concretos da contratación de servizos sanitarios, especialmente empregando a técnica de “Compra Pública de Innovación” (CPI), para fomentar a innovación dende o sector público. Neste panel participarán Javier Puente, xerente da Área Sanitaria de Vigo e Alberto Fuentes, secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade. Moderará a mesa a profesora María Antonia Arias Martínez. 

Unha segunda mesa centrarase a responsabilidade patrimonial da Administración por danos producidos no sistema sanitario público, tanto dende a perspectiva xurídica como dende a perspectiva médica. Este panel, que arrancará ás 18.15 horas, contará coa participación de Daniel Potel, xefe do Servizo de Responsabilidade Patrimonial; Nilo J. Mosquera, xefe do Servizo de Cirurxía Vascular do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e José Ramón Parada, director do Distrito Sanitario do Barbanza, coa profesora Montserrat Otero como moderadora.

Ademais do alumnado, a xornada está tamén aberta, lembra Otero, a outras persoas que formen parte da comunidade universitaria que estean interesadas nos temas que se abordarán, así como a avogados, procuradores e outros profesionais do Dereito e do sector sanitario.