DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada por PuntoGal e ICANN, a entidade internacional que xestiona os dominios

Unha xornada na EE de Telecomunicación reivindica a importancia do acceso universal á información

Defendeuse a necesidade de deseñar tecnoloxías que garantan a accesibilidade e equidade dixital

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • TIC
  • Cultura
DUVI 11/04/2024

As tecnoloxías deberían ser deseñadas e implementadas de xeito que poidan xestionar e interpretar sen problemas caracteres, símbolos e estruturas de datos de diferentes culturas e linguas, garantindo que todas as persoas, independentemente da súa procedencia ou idioma, poidan participar plenamente no mundo dixital. Isto é o que reivindica a Aceptación Universal -UA, polas súas siglas en inglés- e tamén o que se defendeu este xoves na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación nunha xornada de concienciación organizada pola asociación PuntoGal e ICANN, a Corporación de Internet para a Asignación de Nomes e Números, responsable a nivel mundial da operación técnica do Sistema de Nomes de Dominio e as políticas que definen como funcionan os nomes e as direccións de Internet.

No encontro, que puido seguirse tamén en liña, contouse coa participación de Rebeca Díaz, directora da escola; Darío Janeiro, director xeral de PuntoGal; Javier Fernández Fraga, da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia; a profesora Edita de Lorenzo, integrante do equipo directivo de PuntoGal, e Andrea Becalli, de ICCAN, organismo que promove o UADAy, Universal Acceptance Day, en todo o mundo.

Un tema que cobra importancia nunha institución que aposta pola internacionalización

 “Este é un tema básico, sobre todo nun centro cunha forte aposta pola internacionalización como é esta escola”, explicou a directora do centro. “No noso caso contamos cun importante número de alumnas e alumnos árabes e da zona dos Balcáns, onde tamén teñen as súas propias grafías, e este alumnado debería ter a posibilidade de matricularse coas súas  direccións de correo electrónico, cos seus caracteres e, da mesma maneira,  poder utilizar os formularios web que se empregan para a recollida da información”, recalcou Díaz, enfatizando así a importancia da Aceptación Universal na formación do alumnado e a internacionalización da UVigo.

A continuación Interviú Darío Janeiro, que, ademais de remarcar a relevancia destas cuestións para que a información chegue a todos os pobos e a todas as culturas,  agradeceulle a Andrea Beccalli a súa asistencia ás xornadas como representante de ICANN. Beccalli fixo, pola súa banda, un percorrido pola historia da rede desde os anos 70 ata a creación do sistema de dominios e o nacemento de ICANN como entidade que toma decisións de forma independente, baseadas no consenso. 

Dunha rede moi técnica a unha máis humana

No caso de Edita de Lorenzo reflexionou sobre o compoñente persoal e identitario dos enderezos de correo e dos nomes de dominio, e sobre a evolución da que estamos a ser testemuñas desde unha rede moi técnica a unha máis humana, en contacto co compoñente cultural e social das civilizacións. 

Por último, Javier Fernández Fraga, da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, fixo un percorrido máis técnico sobre as implicacións nos cambios de código de escritura tomando como exemplo un dos sistemas máis básicos, o que regula, encamiña e administra as mensaxes de correo electrónico.