DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovida polo Concello e a Universidade, no marco do programa ‘Pinto e Maragota’

Unha xornada formará o profesorado sobre como abordar nas aulas a diversidade sexual e de xénero 

Con inscrición gratuíta, terá lugar este sábado 21 no Teatro Principal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Pontevedra 19/10/2023

A diversidade sexual e de xénero nas aulas é ou non unha materia pendente? Esta pregunta dá título á quinta edición da Xornada de Formación Pinto e Maragota, inserida no programa municipal pola diversidade sexual e de xénero que o Concello de Pontevedra promove nesta ocasión xunto coa Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo. Dirixida tanto a docentes en activo como ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, trátase dun encontro con inscrición gratuíta, a través do correo electrónico info@pintoemaragota.gal, que reúne no seu programa unha serie de conferencias e mesas de debate sobre diversidade sexo-afectiva, bullying e experiencias de abordaxe da diversidade nos centros de ensino. Terá lugar este sábado 21 no Teatro Principal e conta cun recoñecemento de oito horas de formación por parte da UVigo.  

Este foro será inaugurado pola concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, e a vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, Maribel Doval, e abrirase co relatorio Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade en Galicia, da exsecretaria xeral de Igualdade da Xunta e coordinadora do Foro Identidades e Disidencias Sexuais do Consello da Cultura Galega, Carme Adán. A continuación terá lugar un relatorio sobre diversidade sexo-afectiva e saúde mental, a cargo do psicólogo Carlos Márquez, xunto cunha conversa centrada na obra teatral Elisa e Marcela, da compañía A Panadaría. No programa insírense así mesmo a mesa Aulas orgullosas. Casos de éxito, no que interveñen Nicolás Gil, do CIFP Manuel Antonio de Vigo, gañador do primeiro premio Escola sen Armarios Libre de Lgbtibofia, e o investigador da Universidade de Coimbra Gustavo Borges. Xa pola tarde, a actividade continúa cun relatorio da profesora da Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo María Victoria Carrera, titulado Bullying e lgbtiqafobia: unha proposta de análise e intervención desde a pedagoxía queer. A abordaxe da diversidade sexual a través da literatura e o cinema será por outra banda o eixe doutras dúas mesas de debate, Os libros tamén entenden e Das pantallas ás aulas: a abordaxe da diversidade desde o cinema queer. Finalmente, a xornada pecharase cun recital poético do Premio Nacional de Poesía Joven Ismael Ramos.