DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Liga Estudantil Galega organiza o sábado unha serie de actividades sobre o paro do 26 de febreiro

Unha xornada "para informar e concienciar de por que é necesaria" unha folga do alumnado

Contará cun coloquio, a proxección dun documental e un relatorio sobre as mobilizacións contra a LOU

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 15/01/2015

Co obxectivo de reivindicar un ensino público e gratuíto e denunciar os recortes en educación, as organizacións estudantís Comités, Agir e Liga Estudantil Galega, xunto con outra serie de colectivos, convocaron ao alumnado galego a unha xornada de folga o 26 de febreiro. Coa idea de que o estudantado pontevedrés poida coñecer a fondo os motivos deste paro e debater sobre o presente e o futuro do ensino público, a Liga Estudantil organiza este sábado 17 na Casa Azul do Concello de Pontevedra unha xornada de formación para o 26-F, na que buscan “informar e concienciar respecto de por que é necesaria esta folga”, como explica a súa responsable en Pontevedra, Rebeca Cambeiro.

“Realmente, non queremos que o 26 de febreiro o alumnado falte por faltar, queremos que a xente non vaia ese día a clase porque entende que hai necesidade de volver facer unha folga”, apunta Cambeiro respecto dos motivos que levaron ao colectivo estudantil a promover unha iniciativa que englobará unha serie de actividades entre as 12.00 e as 19.00 horas deste sábado. Trala presentación inicial, esta xornada abrirase ás 12.15 horas cun debate sobre a situación actual do ensino. “Falaremos un pouco da Lomce, dos recortes, da suba das taxas, de que a calidade da educación cada vez é peor, das medidas que están favorecendo un ensino clasista e elitista...”, destaca Cambeiro do coloquio que abrirá esta xornada e no que tamén se debaterá a incidencia que podería ter na educación superior a Estratexia Universidade 2015, un proxecto do Goberno central para promover a modernización da universidade española e respecto do que, “o alumnado non está moi informado do problemático que pode chegar a ser”. Neste senso, a representante da Liga Estudantil Galega alerta de que este proxecto “fará que sexan os bancos os que manexen as universidades e que o alumnado teña que endebedarse para poder estudar”. Por estes motivos, a organización estudantil anima a participar neste acto aberto, "a todo o alumnado interesado, tanto universitario como de ensino medio”, xa que o obxectivo final desta iniciativa é “propiciar un debate no que todo o mundo opine e amose o seu punto de vista, posto que cando realmente se aprende e falando os uns e os outros”, apunta Cambeiro.

Unha tarde para mirar cara Chile e cara o 2001

Tralo coloquio inicial e o xantar que o sucederá, esta xornada de formación continuará ás 16.00 horas coa proxección do documental Véndese educación, un filme centrado nas protestas estudantís que tiveron lugar en Chile desde o ano 2006 en diante, dirixido por Nancy Cervantes e Jonathan Mendoza. “A idea é que poidamos facer un pouco unha comparativa entre o que pasou alá e o que está a pasar aquí, xa que veremos moitas similitudes”, explica Cambeiro. Por último, esta actividade pecharase ás 17.30 horas cun relatorio de Inacio Luxilde sobre as protestas estudantís que, no ano 2001, suscitou a aprobación da LOU (Lei Orgánica de Universidades), actividade na que “unha persoa activa na loita contra a LOU contaranos como se plantou cara a unha lei coa que o estudantado non estaba de acordo”, explica a representante da Liga.