DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O mércores 18 no salón de graos da Facultade de Dereito

Unha xornada, organizada pola Área de Igualdade, incidirá na flexibilidade e racionalización dos horarios de traballo

O nivel de satisfacción dos empregados inflúe directamente na produtividade e na eficiencia

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 12/02/2009

Un traballador feliz e satisfeito rende máis que outro que non o estea, mellorando deste xeito a produtividade e os resultados da empresa. Esta é, precisamente, a idea de fondo da xornada de Conciliación da vida persoal, familiar e laboral que se vai a celebrar o mércores 18 de febreiro no salón de graos da Facultade de Dereito a partir das 9.15 horas. Varios especialistas na materia chegados de distintos puntos da xeografía española afondarán no tema da compatibilidade do traballo coa vida persoal, xa que este aspecto inflúe na saúde laboral dos traballadores.
A xornada, organizada pola Área de Igualdade da Universidade de Vigo, está aberta a toda a sociedade, tanto comunidade universitaria como cidadáns en xeral, aínda que agardan contar coa presenza de persoas que teñen responsabilidade para incidir no cambio “como administradores e directores de centros universitarios, empresarios e cámaras de comercio”, indicou Ana Garriga, directora da Área de Igualdade e profesora de Filosofía do Dereito.
“O tema da conciliación laboral é un das preocupacións que ten neste momento a área”, comentou Garriga, xa que se detectou como unha das demandas comúns dos traballadores da Universidade de Vigo, tanto PDI como PAS. Aínda que xa se está a traballar no camiño da compatibilización, “queda moito por facer, o que buscamos é lograr horarios flexibles e racionais”. Outra das medidas polas que se aposta dende a Área de Igualdade “é a corresponsabilización, incentivar aos homes para que asuman a súa parte de responsabilidade no coidado dos fillos e das persoas dependentes, xa que isto repercute á hora de acadar a igualdade real”. Non debemos esquecer que as mulleres son as que teñen máis necesidade de conciliar a vida laboral e persoal, xa que segundo diversos estudos sobre usos do tempo, “son elas as que maioritariamente se ocupan das responsabilidades familiares e domésticas”. Isto supón un deterioro da calidade de vida e da saúde das mulleres.

A conciliación laboral en España e Europa

O obxectivo principal da xornada “é que se reflexione sobre a conciliación laboral e sobre as medidas que existen noutros países”, explicou Garriga. Nesta cuestión afondará o primeiro relatorio da mañá que comezará ás 09.30 horas, tras o acto inaugural, e no que Jaime Cabeza Pereiro, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, falará das experiencias europeas na materia amosando que existen modelos laborais que funcionan mellor que o noso, cunha maior produción, maior cota de igualdade e horarios máis flexibles.
A continuación, os tres seguintes relatorios, explicarán a situación en España e as medidas que contempla a nosa lexislación, facendo especial referencia aos permisos retribuídos e aos permisos para o coidado de familiares adultos non dependentes.
Xa para rematar a xornada, ás 12.30 horas, o presidente da Comisión Nacional para la Racionalización de los Horarios Españoles, Ignacio Buqueras y Bach, abordará o tema do número de horas que se traballa no noso país, explicando cal é a situación actual e as disfuncións que estes horarios crean, tanto persoais como laborais.

Unha ollada cara fóra

Unha vez máis debemos botar unha ollada ao que se fai noutros países europeos para tomalos como exemplo xa que están moito máis avanzados no tema da conciliación laboral. “Os horarios que temos en España son totalmente atípicos”, indicou Garriga. En Europa posúen un horario máis flexible e foméntase a eficiencia e a produtividade por riba da presenza. Sen embargo, en España existe aínda a idea de que estar máis horas no posto de traballo vai a supor maior produtividade, algo totalmente equivocado.
Polo de agora, no noso país, existen pequenos avances na materia como o Plan Concilia nas Administracións Pública, que recomenda que a xornada laboral nunca remate máis alá das 18.00 horas, ou os permisos retribuídos recollidos nas normas laborais como o Estatuto Básico do Empregado Público ou no Estatuto dos Traballadores que pretenden a través de diferentes medidas atender a necesidades de conciliación da vida familiar.