DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovida polo Colexio Oficial de Químicos de Galicia, coa colaboración da EE Forestal

Unha xornada pon o foco na importancia dos produtos derivados da madeira na economía circular

Representantes de diferentes empresas e institucións presentaron os seus proxectos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Pontevedra 05/04/2024

Ser quen de obter os máximos produtos posibles dunha materia prima, xerando a mínima cantidade de residuos, é un dos piares da economía circular, eixe central da xornada promovida este venres na Escola de Enxeñaría Forestal polo Colexio Oficial de Químicos de Galicia, coa colaboración deste centro do campus pontevedrés. As posibilidades que outorga neste eido a transformación de produtos derivados da madeira foi un dos aspectos centrais desta II Xornada de Economía Circular, que permitiu coñecer unha serie de proxectos que se atopan desenvolvendo actualmente diferentes empresas, boa parte deles vinculados ao propio sector forestal.

De aí que a “importancia deste tema para o noso centro” fose unha das cuestións destacadas pola subdirectora en funcións da EE Forestal, Ángeles Cancela, que inaugurou esta xornada xunto co decano do Colexio Oficial de Químicos, Manuel Rodríguez, e o secretario xeral de Industria da Consellería de Economía, Industria e Innovación, Nicolás Vázquez. “Na escola avogamos por unha variante específica da economía circular, a bioeconomía, que se centra en produtos de base biolóxica, entre os que se atopan a madeira e outros produtos forestais”, salientou Cancela, quen lembrou que a escola traballa desde hai anos “na integración deste concepto na nosa formación”. Neste senso, sinalou a implantación da materia Transformación química da madeira, “que aborda estes contidos dunha maneira integral”, explorando “o concepto de biorrefinería” e a posibilidade de obter “produtos de valor engadido con diferentes técnicas químicas, a partir da madeira e de residuos forestais”. A isto súmase ademais, engadiu, que ante a obriga “de adherir cada título a un campo de coñecemento”, a Xunta de Escola aprobaba nas últimas semanas a adscrición do Grao en Enxeñaría Forestal ao ámbito de Enxeñaría Química, Enxeñaría dos Materiais e Enxeñaría do Medio Natural”. 

Proxectos empresariais en sectores estratéxicos

“Esa decisión pon de manifesto a estreita relación entre a química e a enxeñaría forestal, que se reflexa claramente nestas xornadas”, engadiu Cancela, quen sinalou que a economía circular constitúe “unha tendencia crucial para o desenvolvemento da nosa sociedade”. Nesa mesma liña, Rodríguez Méndez puxo o foco na necesidade de “avanzar nun modelo que evite esquilmar máis recursos do planeta e que transforme os que xa estamos utilizando”, incidindo en que o obxectivos desta xornada é dar a coñecer “proxectos que xa están en marcha en Galicia, baseados neste novo modelo de economía circular, en sectores estratéxicos para a nosa terra”. De aí que o secretario xeral de Industria destacase que “este tipo de iniciativas son absolutamente necesarias”, posto que “gran parte da poboación aínda non sabe que é este concepto”. Neste punto, o representante da Xunta de Galicia subliñou que a economía circular “non é simplemente a reciclaxe de residuos, senón analizar desde un punto de vista global toda a cadea de produción”, tendo en conta factores ambientais, económicos e sociais.

Tras o acto inaugural, a xornada abriuse cun relatorio de Carlos Vales, de Pomar Water, sobre economía circular na industria da alimentación, ligada aos produtos do mar, para logo contar tamén coa intervención do director territorial de Ence en Galicia, Antonio Casal, que presentou os proxectos que desenvolve esta empresa neste eido. O terceiro dos relatorios, a cargo de Francisco Iglesias, da consultora ambiental Ziclos, centrouse no sector téxtil, outro ámbito, como lembrou Cancela, directamente relacionado co sectpr forestal, dada a importancia que ten na actualidade “a xeración de produtos a partir de fibras de madeira”. Finalmente, as iniciativas en materia de economía circular desenvolvidas pola industria da madeira foron o eixo da conferencia coa que o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Jacobo Aboal, puxo peche á xornada.