DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado preuniversitario coñeceu de primeira man as instalacións e a oferta académica da UVigo

Xornada de portas abertas para preto dun cento de estudantes de ESO e Bacharelato

Tras unha charla xeral no edificio Miralles achegáronse ás diferentes escolas e facultades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Estudantado
  • Visitas
  • Institucional
D. Besadío DUVI 13/06/2023

Máis de medio cento de estudantes de ESO, Bacharelato e ciclos formativos de grao superior de diferentes municipios da provincia de Pontevedra participaron este martes nunha Xornada de Portas Abertas na que tiveron a oportunidade de coñecer en primeira persoa as infraestruturas e a oferta académica da institución académica viguesa. Acompañados en moitos casos por algún dos proxenitores, a actividade arrancou cunha charla xeral no edificio Miralles sobre as principais características da UVigo e a súa oferta educativa e, a partir de aí, dividíronse en grupos para achegarse ás escolas ou facultades nas que se imparten aqueles títulos que, a priori, máis lle interesan.

“Esperamos que, despois de visitarnos e coñecer máis de preto a Universidade de Vigo, vos sexa máis fácil tomar unha decisión tan importante coma elixir unha titulación na que poder desenvolver as vosas capacidades e habilidades”, explicáronlles desde a Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, organizadora das xornadas.

A charla introdutoria tivo lugar na sala 1 do edificio Miralles e nela Ricardo Corderí, xefe do Servizo de Extensión Universitaria, e Ana Camaño, técnica de Captación de Alumnado, explicáronlle a grandes liñas todo o que deben saber sobre o proceso de preinscrición, matrícula e oferta formativa da UVigo (consulta dos diferentes graos, materias de cada un deles, prezos e prazos de matrícula, notas de corte…). Ademais, informóuselle tamén sobre os servizos e a oferta cultural e de extensión universitaria da Universidade de Vigo (cursos, obradoiros, deportes, Centro de Linguas...) e moitos outros servizos/cuestións aos que poderán acceder ao longo dos catro anos “cinco, ou incluso seis, se vos decantades por un programa de simultaneidade” que pasarán estudando o grao que, finalmente, elixan.

Máis da metade decantáronse por visitar as escolas de enxeñaría

Á hora de realizar as visitas o ámbito que espertou un maior interese foi o das enxeñarías, con preto de 40 participantes, o que incluíu a visita ás escolas de Enxeñería Industrial, Minas e Enerxía e Telecomunicación. No caso do ámbito científico, participaron algo máis dunha ducia de estudantes que coñeceron máis de preto as facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química. As visitas completáronse co ámbito das Ciencias Xurídicas e Sociais, no que se inclúen as facultades de CC Económicas e Empresariais e CC Xurídicas e do Traballo, e Humanidades, representada neste caso pola Facultade de Filoloxía e Tradución. A maiores tamén se lles deu a posibilidade de visitar a Facultade de Comercio, situada no campus cidade (rúa Torrecedeira), en onde as persoas interesadas simplemente debían dirixirse á secretaría do centro, en horario de 10.00 a 14.00 h e informar que asistían no marco da actividade de XOU Portas Abertas Vigo. Guiados por persoal universitario, nestas visitas recibiron información xa de maneira máis detallada sobre aspectos referentes aos plans de estudo e outras cuestións de interese.