DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa MartesConVida retornou este martes a Ciencias Sociais e da Comunicación

Unha xornada para revisar o estado de saúde sen saír da facultade

No stand instalado no centro ofrecíase información sobre nutrición, sexualidade ou drogas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI 30/04/2014

Información e consellos personalizados sobre saúde, nutrición, actividade deportiva, sexualidade e drogadiccións. Iso foi o que o alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación puido recibir este martes de xeito gratuíto e sen saír do propio centro grazas ao programa MartesConVida, que nesta xornada levou o seu stand ata este centro do campus de Pontevedra para ofrecer a toda a persoa interesada a posibilidade de coñecer o seu índice de masa graxa, o seu nivel de glicosa en sangue ou o seu grupo sanguíneo, así como obter unha serie de útiles indicacións para levar unha vida máis saudable.

Esta iniciativa promovida pola Vicerreitoría do campus de Ourense dentro do proxecto Campus con Vida e que conta con financiamento do Consello Social da Universidade retornou o martes ao campus de Pontevedra. Entre as 11.00 e as 14.00 horas permaneceu instalado en Ciencias Sociais e da Comunicación o stand deste MartesConVida, que na súa quinta edición visitaba por segunda vez o campus, para recibir, novamente, unha “moi boa acollida”. Así o destaca Guillermo Santos, coordinador da Área de Deporte e Saúde do campus de Ourense, que lembra que “na anterior edición, no primeiro cuadrimestre, Ciencias Sociais e da Comunicación foi a facultade na que máis xente pasou polo stand”.

Moito interese por coñecer o índice de masa muscular

Desta vez, explica Santos, o número de visitas non foi tan alto, mais aínda así foron moitos os que quixeron pasarse por un posto informativo no que podían someterse a un rápido exame que lles permitise coñecer máis ao detalle cal era o seu verdadeiro estado de saúde. En primeiro termo, neste posto solicitábase ás persoas participantes que cubrisen un cuestionario “que permite avaliar o seu estado físico e ofrecerlles asesoramento especializado sobre como mantelo ou melloralo”, relata o coordinador das actividades de deporte e saúde do Campus de Ourense. Preto de 90 persoas responderon no centro estes cuestionarios, que ademais de permitir unha primeira avaliación do estado de saúde tamén son empregados desde a Área de Deporte e Saúde para un traballo de investigación.

Mais as preguntas non son o único canle de exame do estado físico nos MartesConVida, onde alumnos e profesores poden someterse a unha serie de “probas fáciles e rápidas, que ofrecen un feedback instantáneo”, como é o caso da medición de glicosa en sangue ou de monóxido de carbono en aire expirado, no caso das persoas fumadoras. Pero, como explica Santos, a proba que máis éxito foi a de bioimpedancia, grazas a unha máquina que permite obter o índice de masa graxa e de masa muscular de cada persoa.