DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 1 e 2 de decembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

As xornadas "20 anos de Cinegalicia" abordan a evolución do sector audiovisual galego nas últimas dúas décadas

Celebran o vixésimo aniversario da estrea dos tres primeiros filmes galegos de ficción: Continental,

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
E.L. Castro DUVI 26/11/2009

Continental, Sempre Xonxa e Urxa son os tres filmes que marcan o despegue da historia do cinema galego. Consideradas as tres primeiras longametraxes galegas de ficción, forman xa parte do imaxinario cultural do país. Ademais, teñen en común que as tres se estrearon en novembro do ano 1989 no marco da mostra Cinegalicia que tivo lugar en Vigo. Conmemorar esa data e reflexionar sobre a evolución do sector audiovisual galego desde entón é o obxectivo das xornadas 20 anos de Cinegalicia, organizadas pola Dirección Xeral de Medios da Xunta de Galicia, o Consorcio Audiovisual de Galicia, o Centro Galego de Artes da Imaxe e a Universidade de Vigo.
Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, e Jesús Hernández Sánchez, vicerreitor do Campus de Pontevedra, serán os encargados de realizar a apertura oficial dun programa que se completará cunha conferencia inaugural, un panel, catro coloquios e a proxección dos tres filmes.

Posta en valor da filmografía galega

Ao longo de dous días, o 1 e o 2 de decembro, directores, produtores e guionistas analizarán na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación o que representaron eses tres filmes pioneiros e as mudanzas que experimentou o cinema en Galicia nos últimos dous decenios. O primeiro relatorio, baixo o título Cinegalicia, a posta en valor da filmografía galega, correrá a cargo de quen fora comisario daquela primeira mostra, o crítico e historiador Miguel Anxo Fernández, coordinador das xornadas xunto a Fortunato Rodríguez e profesor asociado da Universidade de Vigo.
Miguel Anxo Fernández lembra aquela cita como "unha mostra única, que tiña a intención de estrear as primeiras longametraxes galegas de ficción, entendendo por isto aquelas que foron feitas para a gran pantalla, porque xa había traballos anteriores en 16 mm". Segundo o historiador supuxo a "posta de largo da cinematografía galega cara ao exterior, en particular cara a España", e chegar á gran pantalla significaba “acadar a maioría de idade”. Segundo o historiador aquilo contribuíu a que catro anos despois Sempre Xonxa competise nas pantallas comercias con Indiana Jones ou Nacido o 4 de xullo, a que seguisen facéndose filmes e a que dez anos despois se aprobase por unanimidade a Lei Audiovisual de Galicia, que considera o sector como estratéxico.
Tendo en conta a perspectiva universitaria das xornadas e que boa parte do alumnado naceu naquela data, o obxectivo de 20 anos de Cinegalicia é "contarlle aos estudantes de onde vimos e a onde imos". Para iso o ciclo terá dúas partes. Na primeira intervirán os protagonistas daquel evento no 89, críticos, cineastas, ensaístas, directores ou actores que viviron de forma directa aquel momento, mentres na segunda participarán os creadores máis novos que están realizando os seus primeiros traballos.

Catro coloquios, óperas primas, produción e realización

Outros formatos. Panorama é o título do primeiro coloquio que terá lugar o martes día 1. Nel intervirán Claudia Brenlla, directora de O club dos sen teito, Carmen Rábade, produtora executiva de Señora de, e Rubén Coca, director de Notamotof. Ese mesmo día pola tarde Xavier Villaverde, director de Continental, e Carlos A. L. Piñeiro e Alfredo García Pinal, directores de Urxa, debaterán sobre o tema Tres óperas primas en Cinegalicia.
O día seguinte, o mércores 2, arrincará cunha mesa redonda co título Cinegalicia, comeza a produción de longametraxes, na que estarán Pancho Casal (Continental Producciones), Xosé Xoán Cabanas Cao (Vimbio Filmes) e Xavier Bermúdez (Xamalú Filmes). Pecharán as xornadas Toño López, director da serie da TVG Matalobos, Alfonso Zarauza, director da longametraxe A noite que deixou de chover e da serie Nordés e Luís Avilés, director de Retornos, que integrarán o coloquio Realizadores galegos cara ao futuro.
O panel levará por nome Vinte anos despois de Cinegalicia e contará cos críticos Pepe Coira e Eduardo Galán, así como con Raúl Veiga, guionista de Continental. No tocante ás proxeccións, Sempre Xonxa estará presentada pola súa actriz principal, Uxía Blanco; Continental, por Xavier Villaverde e Raúl Veiga; e Urxa, por Alfredo García Pinal e Carlos A. L. Piñeiro.

Inscricións e información

Malia ser unha actividade gratuíta as xornadas 20 anos de Cinegalicia teñen un aforo limitado, polo que cómpre inscribirse previamente. A matrícula pode formalizarse a través do número de teléfono 981 545 098 ou enviando o formulario dispoñible na web da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación ao enderezo de correo electrónico formacion@consorcioaudiovisualdegalicia.org. Ademais, os asistentes que o desexen e cumpran os requisitos de asistencia necesarios poderán solicitar un crédito de libre configuración. No seguinte enlace pode consultarse o programa completo: 20 anos de Cinegalicia.