DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A inscrición pode formalizarse ata o día 26 de maio

Unhas xornadas abordan a promoción da autonomía en persoas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual

"O meu proxecto de vida, eu decido" é o título do ciclo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 24/05/2010

Un dos alicerces da filosofía de traballo con persoas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual é a promoción da autonomía, entendida como sinónimo de autodeterminación e independencia. Así presenta o seu labor a Asociación Down Vigo, que esta semana se dará a coñecer nunhas xornadas organizadas en colaboración coa Vicerreitoría do Campus de Pontevedra e co apoio da Fundación Caixa Galicia. O meu proxecto de vida, eu decido é o título destas xornadas, que teñen por obxectivo ofrecerlles aos actuais ou futuros profesionais dos ámbitos educativo, sanitario e social unha visión exhaustiva sobre as claves da promoción da autonomía das persoas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual.
As xornadas terán lugar do 27 ao 29 de maio na Casa das Campás e na sede pontevedresa da Fundación Caixa Galicia. Están dirixidas especialmente ao alumnado do campus, sobre todo ao de Ciencias da Educación e do Deporte, Ciencias Sociais e da Comunicación e Fisioterapia; ademais de a estudantes doutras lugares e áreas, a profesionais, a representantes de institucións vinculadas ao colectivo de persoas con síndrome de Down, ao propio colectivo de persoas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual, aos seus familiares e a persoas en xeral sensibilizadas con este colectivo.

A autonomía como proceso gradual

As persoas con discapacidade intelectual ou síndrome de Down teñen as mesmas necesidades que os demais de ter o control sobre o que lles sucede. Con esta premisa, Sergio Puga, co-director das xornadas xunto con Teresa Gutiérrez, Rebeca Santiago e Ana Tejada, explica que Down Vigo leva traballando con este colectivo desde o ano 89 “sempre co horizonte da autonomía persoal e tendo en conta que esta non é un estado final, senón algo que se vai concretando ao longo da vida con máis ou menos apoios e en función do ritmo de cadaquén”. Sinala que nos últimos 15 anos se avanzou moito na normalización deste colectivo na sociedade, “pois antes tratábanse como nenos”, pero que “aínda se detecta falta de coñecemento e saber estar en todos os ámbitos, desde o sanitario ao familiar, escolar ou laboral”. Por iso indica que o que se pretende “é sensibilizar a todos das posibilidades das persoas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual, evitando un discurso paternalista e actuando como facilitadores”.
Con respecto ao programa das xornadas, Puga sinala que se abordarán as bases teóricas e conceptuais sobre a síndrome de Down e a discapacidade intelectual e os factores implicados no proceso de adquisición de autonomía. “Amosaranse tamén os diferentes servizos e intervencións que realiza a asociación, desde a atención temperá e a integración escolar ata a vida independente e o acceso ao emprego, tocando tamén o desenvolvemento afectivo e a sexualidade”, engade. Na sesión de peche realizarán unha mesa redonda para debater sobre o futuro da intervención con persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual. “Serán unhas xornadas dinámicas e pensadas como a web 2.0, para que todos os asistentes fagan as súas achegas”, comenta.
Entre os relatores destaca a José Antonio Novoa, representante en España do Foro de Vida Independente, e Mery Muñoz, profesora de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de Santiago de Compostela.

Inscrición ata o mércores 26 de maio

A data límite para a inscrición é o vindeiro mércores día 26 de maio. Para formalizala hai que enviar cuberto o formulario ao enderezo de correo electrónico da Asociación Down Vigo (downvigo@downvigo.org) ou ao da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra (campuspontevedra@uvigo.es); ou ben aos números de fax 986214954 ou 986802082. Aos estudantes concederáselle un crédito de libre configuración.