DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comprenden relatorios e obradoiros nos tres campus ata o 3 de marzo

As Xornadas de Actividade Física e Mulleres apostan polo deporte como ferramenta para acadar a igualdade real

A conferencia inaugural afondou nos estereotipos que frearon a incorporación da muller a este eido

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 17/02/2010

O soldo das xogadoras profesionais de baloncesto representa un 2% do dos seus compañeiros varóns; o gañador do Tour de Francia recibe 333.000 euros, mentres que á vencedora feminina correspóndenlle 3000€. As cifras son claras e falan da desigualdade existente entre homes e mulleres no deporte, diferenzas que veñen de tempo atrás pero reais hoxe en día. Máis aló de estereotipos, realidades. Para afondar nesta situación de desigualdade e buscar o camiño para avanzar cara o equilibrio, a Área de Igualdade xunto coa Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes e a Área de Estudantes e Deportes, organizan as Xornadas de Actividade Física e Mulleres, que hoxe comezaron en Vigo e que se desenvolverán nos tres campus ata o 3 de marzo.
Na apertura das xornadas, que se transmitiu por videoconferencia ao campus de Ourense, destacouse a importancia de acadar a igualdade na actividade deportiva pero tamén do deporte como ferramenta para acadar a igualdade en todos os aspectos da vida. “O deporte é tradicionalmente un ámbito no que estamos sub-representadas, con roles erróneos e estereotipos da feminidade que non son máis que atrancos no camiño” explicou a directora da Área de Igualdade, Carmen Quinteiro. Pero esta discriminación, ao seu entender, non só limita a actividade física, senón o coñecemento do propio corpo, das súas capacidades e limitacións. Así, o obxectivo desta iniciativa é analizar a orixe e a evolución da incorporación da muller á practica deportiva, poñer en evidencia os estereotipos, fomentar actividades participativas e de respecto á muller no deporte, e propoñer ideas e proxectos integradores de cara a unha igualdade real da muller no eido deportivo. A vicerreitora Mª Carmen Cabeza, pola súa banda, incidiu en que, amais de falar e analizar, é importante pasar á practica, “facer o camiño andando” e para iso se desenvolverán obradoiros prácticos en cada unha das xornadas.

Un longo camiño cheo de atrancos

Torneos de tenis como Winbledon ou Roland Garros nos últimos anos optaron por igualar a contía dos premios de homes e mulleres, pero esa non é a tónica predominante na actualidade e o problema vén dende a base. Na adolescencia, boa parte das mozas deixan de practicar deporte e, detrás desta decisión, “están os estereotipos de feminidade e os roles tradicionais que lle seguen sendo asignados ás mulleres”, explica Dorleta Ugalde, técnica de Deporte do Goberno vasco. Segundo explicou a primeira relatora das xornadas, os problemas veñen de lonxe e a curta historia das mulleres no deporte “estivo sempre marcada pola discriminación”. Nunca estivo ben vista a práctica física para as mulleres e só se comprendía se era un xeito de crear futuras nais saudables con actividades como baños de saúde ou excursionismo, sendo unha das primeiras revolucións o uso da bicicleta. Coa oposición do seu promotor, o barón de Coubertin, os Xogos Olímpico abriron as portas ás mulleres en 1900, pero só a catro mulleres, aínda que as primeiras españolas en participar non o fixeron ata 1924. Segundo explicou Ugalde, as grandes guerras mundiais permitiron certos avances coa incorporación da muller ao mercado laboral, mentres que en España, a II República organizaba xa campionatos para mulleres de esquí, hockey ou atletismo. Pero a ditadura franquista fixo dar moitos pasos atrás e prohibiu toda práctica deportiva ás mulleres, “a Sección Feminina prohibiu o atletismo feminino ata 1960, o que significa que as donas non podían correr”. Nese mesma década volveu tamén a participación feminina ás olimpíadas, aínda que non foi ata 1984 cando se incluíron probas femininas de máis de 3000 metros. Foi un camiño longo e dificultoso no que queda moito que percorrer, xa que “non partimos dun mesmo punto e a nosa cultura deportiva é diferente”, explica a técnica e deportista vasca, sobre todo lastradas cos estereotipos, os roles sociais e os culturais.

Propostas de cambio

Dorleta Ugalde ademais de facer un percorrido histórico, fixo fincapé en pequenos cambios e estratexias que poden axudar a inverter a situación inferioridade. “Se no pasado a gran falacia foron as diferenzas biolóxicas, a actual é que as mulleres temos acceso ao deporte pero non queremos practicalo, e isto non é verdade”. Segundo apuntou existe un problema de tempo libre, “o tempo libre do home é libre, o da muller depende da familia, da casa, dos fillos, dos familiares ao cargo... polo que os hábitos deportivos son diferentes e precisamos dunha oferta diferente”.
Entre as súas propostas, moitas delas xa postas en marcha en Euskadi, explicou a importancia de impulsar a participación das mulleres en deportes non convencionais, a reestruturación das categorías para aumentar a inclusión ou a reestruturación da forma de xogo. Este último é o caso do rugby a 7, unha modalidade que entrará nos Xogos Olímpicos de Brasil e que xurdiu para tentar manter ás mozas na práctica do rugby, que emprega 15 xogadores no campo, “un número moi elevado para conseguir formar un equipo feminino”. Entre os códigos de boas prácticas, Ugalde recomenda comezar por abaixo, fomentando a iniciación, pero tamén por arriba, entre mulleres de maior idade ofrecéndolles unha contorna cómoda e entre iguais na que comezar a facer deporte.
Outras ideas expostas no seu relatorio pasan por programar actividades para as nais ao mesmo tempo que os seus fillos fan deporte ou promover a actividade física no lugar de traballo ou estudo, así como ofrecer incentivos fiscais ás empresas que patrocinen mulleres e igualar premios, soldos, axudas e recoñecemento social, “faltan referentes de deportistas femininas en activo, non son visibles”.
“Para todo isto, e aínda que non está nas nosas mans como técnicos deportivos, é imprescindible a corresponsabilidade” de xeito que as mulleres poidan dispoñer de tempo para si mesmas e isto require da implicación dos homes nesta tarefa.
Estas xornadas continuarán este xoves no campus de Vigo e a vindeira semana en Ourense e Pontevedra.