DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na cita participan arredor de 130 estudantes de diferentes graos

Unhas xornadas afondan na educación viaria ao longo da vida e para diferentes colectivos

Están organizadas pola Facultade de Educación e Traballo Social e a Xefatura Provincial de Tráfico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 14/04/2023

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle este venres a celebración da I Xornada de educación viaria: desenvolvemento, autonomía persoal e convivencia. O obxectivo da cita, organizada conxuntamente por esta facultade e a Xefatura Provincial de Tráfico en Ourense (Dirección General de Tráfico), é que o alumnado do centro, futuras e futuros profesionais de Educación Infantil e Primaria, así como de Educación e Traballo Social, adquiran “unha formación específica sobre a educación viaria e se convertan en axentes de sensibilización e mobilización activa”.

Na inauguración da xornada Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, salientou que esta actividade é unha mostra do compromiso da institución académica coa súa apertura á sociedade e da colaboración con entidades da contorna, amosando o seu desexo de que esta primeira edición teña continuidade os vindeiros anos. Pola súa banda, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, destacou a importancia da temática abordada nesta xornada xa que, afirmou, a educación viaria é “un tema cada vez máis preocupante e no que educadoras, educadores e traballadoras e traballadores sociais temos moitísimo que facer con colectivos moi diferentes”.

Emilio González, subdelegado do Goberno en Ourense, lembrou que “a educación viaria é un pilar fundamental da prevención de accidentes graves e as súas consecuencias” e que a súa abordaxe o máis cedo posible, desde a educación infantil e primaria e tamén desde a educación social, “vai a repercutir probablemente no conxunto da sociedade”. Por último, David Llorente, xefe provincial de Tráfico de Ourense (DGT), indicou que esta xornada pretende dar ao alumnado presente “coñecementos, habilidades e recursos” que cando no futuro exerzan como educadoras e educadores e traballo sociais lles poden ser de utilidade no reto de “conseguir entre todos unha mobilidade segura, sostible e saudable.

Unha “potente medida preventiva dos accidentes”

A xornada está coordinada por un representante de cada grao da Facultade de Educación e Traballo Social, estando Isabel Mociño (Educación Infantil); Ana Iglesias Álvarez (Educación Primaria); Xosé Manuel Cid (Educación Social) e Francisco J. Aguiar (Traballo Social) e consta de 15 horas, das que 8 son presenciais e sete non presenciais (proposta dunha reflexión, recurso, material, etc). “A educación viaria é unha potente medida preventiva dos accidentes de tráfico e das súas consecuencias e unha ferramenta para a promoción dunha mobilidade segura, sostible e saudable. Ademais, contribúe de xeito decisivo ao desenvolvemento e á autonomía das persoas, así como á súa participación e á convivencia en comunidade”, afirman desde a organización da actividade. Trátase, engaden, dunha aprendizaxe que debe estar moi presente ao longo de toda a vida, comezando en idades moi temperás, e que ademais debe ter moi en conta a diversidade e a as dificultades específicas da poboación (infancia e xuventude, persoas maiores, discapacidades, etc).

O obxectivos da iniciativa son cinco. Pretende integrar a educación viaria para unha mobilidade segura e sostible nos programas e acción formativas, segundo grupos de idade, necesidades de atención específicas e grupos vulnerables e potenciar o acceso da comunidade e a súa implicación nas diferentes actividades de educación viaria que poidan ser promovidas desde diferentes ámbitos e contextos educativos e sociais. Tamén quere concienciar, sensibilizar e establecer medidas preventivas en materia de seguridade viaria que leven implícitas a evitación dos accidentes de tráfico e posibles situacións de discapacidade. Dar a coñecer os diferentes recursos didácticos para a infancia, xuventude, persoas maiores, persoas vulnerables e outros grupos sociais que sirvan como ferramentas para os diferentes axentes educadores e deseñar e crear accións, proxectos e recursos didácticos adaptados aos distintos grupos e aos intereses e necesidades concretas das persoas con necesidades específicas son outros dos retos propostos por esta actividade.

Ao longo do día, Sinda Aguiar (coordinadora provincial de Educación Viaria da DGT Ourense); Federico Ceniza (coordinador provincial de Educación Viaria da DGT A Coruña); Andrea Conde (subxefa provincial de Tráfico de Ourense); Javier Barja (tenente do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense) e David Llorente (xefe provincial de Tráfico de Ourense) guiarán ás e aos asistentes na temática da educación viaria dirixida a persoas con discapacidade e dificultades especiais; á infancia; á xuventude e ás persoas maiores, abordando desde a súa presenza no curriculum educativo ata experiencias como os camiños escolares no Concello de Narón. Xa pola tarde, o alumnado participará en tres obradoiros prácticos de temas como a prevención e condutas seguras e a utilización do xogo e outros recursos creativos como recurso didáctico neste eido.