DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebráronse este xoves na Facultade de Educación e Traballo Social

Unhas xornadas afondan nos videoxogos desde un enfoque multidisciplinar e feminista

Analizaron o seu impacto na vida de mulleres e persoas con identidades disidentes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 07/10/2022

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este xoves a celebración da xornada Videoxogos e desigualdade: un enfoque multidisciplinar e feminista. A actividade, financiada pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, abordou o impacto dos videoxogos, directos ou indirectos, na vida das persoas, con especial énfase nas mulleres e nas identidades disidentes, xa sexa desde dentro da propia industria ou desde fóra, e en ámbitos como a educación.

As xornadas, coordinadas por Paula Rodríguez, educadora social e investigadora do grupo Análise e Intervención Psicosocioeducativa da UVigo, tiveron como obxectivo “identificar, deconstruír e debater arredor das desigualdades estruturais presentes no mundo dos videoxogos en España”. Ao longo do día, nela abordáronse contidos tales como evitar o uso abusivo dos videoxogos na adolescencia; o STEAM desde a primeira infancia para reducir a fenda de xénero e o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas; a construción da identidade gamer entre o colectivo adolescente desde unha perspectiva de xénero e clase social; as estratexias lúdicas para a intervención sociocomunitaria, e a presenza e tratamento do colectivo LGTB nos videoxogos, cunha proposta didáctica para a diversidade afectivo-sexual. As conferencias foron ofrecidas polas investigadoras Paula Rodríguez, Julia Vilasís, Olalla García, Rocío Senra, Sara González e Ana Manzano.