DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas pola asociación Ousli, terán lugar entre o 23 e o 27 de xuño

Unhas xornadas amosan as posibilidades do software libre no eido da tecnoloxía web

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 05/06/2008

Amosar todas as posibilidades que as últimas tecnoloxías do mercado en desenvolvemento web ofrecen para levar a cabo proxectos integramente con software libre é o obxectivo co que a Asociación Cultural Ourensana de Software Libre, Ousli, organiza as II Xornadas de Programación Web con Software Libre, que terán lugar do 23 ao 27 de xuño.
Tralo éxito da súa primeira edición, as xornadas pretenden converterse nun punto de encontro de referencia entre estudantes, docentes, desenvolvedores web e profesionais das TIC, no que se vexan, de modo práctico, as alternativas, plataformas e frameworks que ofrece o software libre, para o que contarán con relatores de recoñecido prestixio a nivel nacional na materia. Organizadas co apoio da Consellería de Innovación e Industria a través do Centro de Referencia de Servizos de Software Libre, Mancomun, e a Vicerreitoría do campus, así como da Escola Superior de Enxeñaría Informática da que proceden os membros de Ousli, as xornadas celebraranse no Edificio Politécnico.
Ousli, é unha asociación cultural de ámbito autonómico sen ánimo de lucro e de recente constitución, nacida no campus a finais do ano 2006 para difundir e promover o software libre e o uso do galego nas novas tecnoloxías. Actualmente conta con sete compoñentes “todos eles alumnos, ex alumnos ou profesores da ESEI salvo un de Telecomunicacións” explicou Enrique Estévez, secretario da asociación, que comezaron a traballar para “achegar este tipo de software a toda a comunidade por medio de diferentes accións” engadiu.

Éxito das xornadas precedentes

De feito, a organización das Xornadas de Programación Web en Software Libre xurdiu pouco despois da creación de Ousli ante a necesidade que percibían de complementar os seus estudos na ESEI sobre tecnoloxía web, “un eido no que o mercado laboral demanda moitos profesionais e no que a carreira tiña algunhas carencias” dixo Estévez. Ademais a web é un dos campos onde o software libre é máis forte xa que “os protocolos de internet son os que máis se axustan á súa filosofía. O software libre é posible grazas a internet e viceversa” engadiu.
Na súa primeira edición, as xornadas sorprenderon aos organizadores polo seu éxito, “éramos unha asociación nova e descoñecida, co noso primeiro acto e a nosa experiencia dicíanos que sen ofrecer créditos a xente non acudía aos relatorios” lembrou o secretario de Ousli. Pero recibiron a inscrición duns 55 alumnos, ademais da asistencia libre doutros tantos polo que decidiron continuar na mesma liña organizando un proxecto máis ambicioso a nivel autonómico: as Xornadas de Software Libre no Ensino, a final de ano e que tamén recolleron un gran éxito. “En vista da aceptación que esperta o tema, a idea é realizar ambas xornadas todos os anos, formar aos asistentes para o mercado laboral e, á vez, difundir o software libre, xa que poderíamos facer o mesmo en software comercial” explicou Estévez.
Nesta ocasión, ademais de incluír dous créditos de libre configuración para os alumnos da ESEI, “decidimos facer algo grande, pasando de tres tardes a unha semana de conferencias ao longo de todo o día co máis destacado a nivel nacional na materia” dixo o secretario, “para que a través de profesionais de recoñecido prestixio se vexa que o software libre funciona” engadiu. Estas charlas, serán principalmente prácticas para mellorar a formación dos asistentes e que estes aprendan diante dun ordenador.

Aberto o prazo de inscrición

Para poder participar nas xornadas e recibir o material que se vai entregar nelas sobre os relatorios, ademais do diploma de asistencia, os interesados deberán inscribirse previamente na páxina web de Ousli, onde tamén atoparán máis información. O prazo para matricularse xa comezou e permanecerá aberto ata o día 17 de xuño, último para facer o ingreso das taxas que no caso dos estudantes da Universidade de Vigo ascenden a 20 euros, 10 se son bolseiros e 40 para o resto dos participantes. Ademais, aos alumnos da ESEI outorgaráselles dous créditos de libre elección. Aínda que as xornadas están abertas a todo o público, cómpre ter unha base mínima pola especificidade do tema xa que están orientadas a programadores que se están iniciando ou que teñen coñecementos e queiran asentalos coñecendo como empregan novas tecnoloxías de software libre grandes empresas como Google, Yahoo ou Microsoft.