DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os expertos avaliaron o dereito á reinserción sociofamiliar na infancia e na adolescencia

Unhas xornadas analizan as medidas para previr e reinsertar os menores en situación de risco e desamparo

Traballan en dúas vías, unha para os menores desatendidos e outra para os infractores

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 20/03/2012
Previr, intervir e reinsertar. Son tres escenarios diferentes, tres estadios diversos nos que se poden atopar os menores en situación de risco ou desprotección e ante os que os expertos, tanto do eido da xurisprudencia como da psicoloxía, deben actuar. Estado e sociedade deben evitar estas situacións de desamparo pero, cando estas se producen, deben dotarse de instrumentos para responder e tamén para reinsertar aos nenos, nenas e adolescentes tanto en situacións de conflito como a aqueles que teñen cometido infraccións.
Este dereito á reinserción sociofamiliar centra unhas xornadas que este martes e mércores se desenvolven no campus de Vigo baixo a dirección do profesor Pablo Grande Seara, da Área de Dereito Procesual.

Entre a desprotección e as infraccións

Neste eido de traballo cos menores en situación de desprotección, os expertos, tanto da xurisprudencia como da psicoloxía destacan dúas vertentes claramente diferenciadas, que se reflicten tamén nos contidos dos dous días de duración das xornadas. O director das mesmas salienta que é moi importante diferenciar á hora de traballar para reinsertar e reeducar entre os menores desamparados e desatendidos polas súas familiar por diversos motivos e os menores infractores, que teñen cometido faltas ou delitos. Grande Seara puntualiza que estes últimos “non teñen por que provir de familias desestruturadas nin ser nenos e nenas desatendidos, moitas veces gozan dunha situación familiar estable e perciben as infraccións mesmo como un xogo”. Segundo o profesor, ambos grupos precisan reeducación e resocialización “pero deben ser medidas diferentes para problemáticas diferentes”, por iso estas xornadas teñen un marcado carácter multidisciplinar. Así, Pablo Grande Seara representa o vertente xurídica, a profesora e decana da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Francisca Fariña, céntrase na parte psicolóxica destes conflitos. No acto de apertura Fariña convidou aos asistentes a traballar neste campo porque “os que non están aquí, as persoas menores de idade, necesítannos e necesítanvos”. A decana expresou a súa confianza en que eventos como este sirvan para avanzar na “xustiza terapéutica, nun progreso do coñecemento e nunha mellor praxis no ámbito dos menores”. Xunto con Grande Seara e Fariña, o acto de inauguración contou coa presenza de Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade que avogou para que este tipo de xornada sirvan para achegar máis a institución á sociedade.

Orixe das xornadas

Estas xornadas xorden como unha actividade previa á celebración no mes de outubro na Arxentina do V Congreso Mundial sobre a Infancia e a Adolescencia. O profesor Seara explica que as conclusións destas xornadas serán “presentadas neste simposio internacional, polo que este tipo de iniciativas desenvólvense nos meses previos por diferentes lugares do mundo”.

Grande Seara xunto con outros docentes da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, como Esther González Pillado, e do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa, como Francisca Fariña, levan anos traballando no eido dos menores, tempo no que puxeron en marcha un curso de especialista, diversas xornadas e congresos e o Mestrado en Menores en situación de desprotección e conflito social. Ao longo dos anos foron tamén estreitando a súa relación coa ONG peruana Cometa, que tamén está representada nestas xornadas, nas que participan preto de 80 persoas.

Entre os ponentes Grande Seara destaca a presenza de Carlos Villagrasa, profesor da Universidade de Barcelona e presidente da Asociación para la Defensa de los Derechos de la Infancia y de la Adolescencia, que protagonizou a primeira mesa redonda xunto con Lydia Noriega, profesora da Universidade de Vigo. Ambos foron os encargados de presentar o marco lexislativo que rexe nas situacións de risco e desamparo de nenos, nenas e adolescentes. Noriega explicou as diferenzas entre a regulación estatal e a autonómica e subliñou que esta moito máis desenvolvida, mentres que Villagrasa afondou la normativa catalá.

Durante as xornada intervirán, entre outros o luso Rui J. Abrunhosa, relevante experto na vertente psicolóxica do campo da protección de menores, ou o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, que será o encargado da clausura.

Programa das xornadas (209.25 Kb)