DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas pola Universidade de Vigo e a Asociación Galega de Estudios Xurídicos, no mes de abril

Unhas xornadas analizarán a relación Igrexa-Estado dende o século XIX ata a actualidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 25/02/2009
A cuestión relixiosa foi un problema constante en todos os textos constitucionais durante os séculos XIX e XX, ata o punto de que o recoñecemento da liberdade relixiosa e tamén do desenvolvemento e consolidación do sistema constitucional víronse condicionados pola relación entre Igrexa e Estado.
Coa finalidade de afondar nesta situación, a Facultade de Dereito celebrará na súa aula magna os días 14, 16, 20, 21 e 24 de abril as VII Xornadas de Sociedade e Dereito que nesta edición teñen como eixo as relacións Igrexa-Estado na España contemporánea.
Organizado pola Universidade de Vigo e pola Asociación Galega de Estudos Xurídicos, este curso ten como obxectivo “analizar a problemática das relacións entre as distintas confesións e o Estado, dende unha perspectiva histórica, filosófica e xurídica”, explicou José Agustín González-Ares, profesor da Facultade de Dereito e director das xornadas. Pero non pretenden quedarse só no estudo, senón que tamén se fará “crítica e propostas de futuro”. González-Ares afirmou que o seu desexo á hora de organizar as conferencias era “lograr que participasen non só profesores universitarios, senón que tamén acudisen as forzas sociais”.
Abertas a estudantes, profesionais e a todo o público interesado, estas conferencias servirán como centro de reflexión e análise sobre as relacións que xorden na convivencia da relixión e o Estado, incidindo nos principais motivos de conflito e deixando entrever as posibles respostas normativas e sociolóxicas.

O análise da problemática

As xornadas desenvolveranse no mes de abril ofrecendo conferencias e espazos para o debate nos que se reflexionará sobre distintas cuestións da relación entre o Estado e a relixión. Durante as cinco tardes de relatorios farase unha síntese “da historia constitucional española dende o século XIX, pasando pola Constitución de 1812, ao século XX coa II República e o réxime de Franco, e chegando ao período actual”, indicou González-Ares. O martes 14, día inaugural, trataranse temas como a confesionalidade estatal e a intolerancia relixiosa na Constitución de 1812, a obxección de conciencia relixiosa e o acatamento das leis ou as relacións entre Igrexa e Estado na historia constitucional española do século XIX.
O apoio da Igrexa católica ao bando nacional na Guerra Civil ou o a aconfesionalidade do Estado constitucional e o fenómeno relixioso na sociedade multicultural serán algúns dos contidos dos relatorios do xoves 16.
O luns 20 comezará afondando na pugna entre a Administración Pública e a Igrexa pola xestión dos cemiterios; tamén se falará da liberdade de conciencia na Constitución española de 1978 e cumprimento dos acordos entre o Estado español e a Santa Sede.
As conferencias do martes 21 achegarán a temática á nosa contorna, tratando o feito relixioso na nosa comunidade autónoma e os efectos da desamortización dos bens eclesiásticos na provincia de Ourense. Este día tamén se dedicará a analizar a relación que existiu entre a Igrexa e o réxime de Franco, facendo un repaso dende a Guerra Civil ata o Concordato.
As xornadas porán o punto final o venres 24 falando do sistema de financiamento da Igrexa católica e outras relixións, da influencia da Contrarreforma no Dereito Constitucional español ou da materia de Educación para a Cidadanía, “tema que non queríamos esquecer nestas xornadas pola polémica que está a suscitar”.

Datos de interese

As xornadas contan cunha duración de 30 horas lectivas e serán validadas por dous créditos de libre configuración para os alumnos das titulacións do campus de Ourense e da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo de Vigo. Ademais, tamén son computables para oposicións de Educación. Os prezos da matrícula son de 72 euros para o público en xeral, 36 euros para alumnos da Universidade de Vigo e de 18 euros para os bolseiros.