DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas pola asociación OPICO

Unhas xornadas darán a coñecer as bases e técnicas dos primeiros auxilios

Os días 4, 5, 6 e 7 de maio no Edificio Xurídico-Empresarial

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 30/04/2009

A medicina evolucionou nos últimos anos ata cotas insospeitadas que propiciaron o feito de que cada día poidamos dispoñer de máis e mellores recursos neste eido. Sen embargo, a pesar dos avances, en numerosas ocasións, faise imprescindible unha actuación temperá e eficaz na aplicación dos coidados básicos no mesmo lugar do accidente. Coñecer as bases, fundamentos e técnicas dos primeiros auxilios resulta hoxe en día fundamental na vida de calquera persoa que pode verse envolta nunha situación de emerxencia incluso na súa propia casa. Por este motivo, dende a asociación OPICO e baixo o lema Calquera pode salvar unha vida organizan as I Xornadas sobre primeiros auxilios que se desenvolverán do 4 ao 7 de maio na aula magna do Edificio Xurídico-Empresarial. “É preciso que os universitarios adquiran uns coñecementos básicos do que son os primeiros auxilios para que poidan responder no caso de que algún día lles suceda algo”, explica Rodrigo González, presidente de OPICO e un dos organizadores das xornadas.
Este curso, aberto a todo o público, pretende ser unha ferramenta eficaz como primeiro eslavón da cadea asistencial de socorro, na que o tempo de actuación pode ter consecuencias irreparables para a vítima. Ademais, tal e como subliña González, nas xornadas exporanse “diferentes puntos de vista sobre as mesmas situacións, xa que contaremos con médicos, persoal do 061, avogados, voluntarios de Protección Civil, etc”.
A inscrición nas xornadas pode realizarse ata o 4 de maio a través da páxina web de OPICO. O curso conta cunha duración de 20 horas lectivas e será convalidado por un crédito de libre elección.

Protexer, alertar e socorrer

As xornadas están divididas en catro bloques, o primeiro día tratarase o tema da lexislación, “a pregunta a responder é que pode pasar se axudo a unha persoa ou me axudan e provocamos unha lesión?”. O segundo día tratarase o protocolo de actuación no caso de atoparse cunha vítima e as dúas últimas sesións afondarán no tratamento dos casos que “con máis probabilidade nos podemos atopar”, resume González.
O curso principiará o día 4 ás 16.00 horas coa inauguración oficial, tras a cal comezarán os relatorios que terán como eixo a importancia de prestar os primeiros auxilios ao accidentado, a normativa aplicable e os dereitos e deberes no caso de prestar axuda ou sufrir un accidente. O día 5 será a quenda do módulo A cadea de supervivencia impartido polo Equipo de Formadores da Cruz Vermella de Ourense no que ensinarán a conduta PAS (Protexer, Alertar e Socorrer), a RCP (Reanimación Cardio-Pulmonar) e a desobstrución das vías aéreas. O mércores 6 falarase da actuación no casos de lipotimias, desmaios, ataques de ansiedade e epilepsia, intoxicacións, queimaduras e reaccións alérxicas. As xornadas rematarán o día 7 cun relatorio sobre primeiros auxilios no caso de drogadicción facendo especial referencia aos casos de traumatismos e inmobilizacións. Tras esta conferencia terá lugar un obradoiro práctico para aprender a realizar as diferentes manobras que se foron explicando ao longo das xornadas.