DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xornadas de dereito ambiental rematan cun achegamento á Fiscalía de Medio Ambiente do Tribunal Supremo

O conselleiro de Educación clausurou esta cuarta edición

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
M. Del Río DUVI 23/10/2010
Un semana intensa de relatorio, mesas redondas e debates chegaron este venres ao seu fin cunha das conferencias máis agardadas das Xornadas de Medio Ambiente e Dereito Ambiental de Galicia. Antonio Vercher Noguera, fiscal de Sala Coordinador de Medio Ambiente e Urbanismo do Tribunal Supremo foi o encargado de impartir a derradeira charla desta cuarta edición das xornadas organizadas pola asociación Syme. Vercher fixo un percorrido pola historia desta fiscalía, dende as súas orixes ata a actualidade explicando aos asistentes as competencias desta institución e as actividades que dende ela se promoven.

Tras a súa intervención o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, presidiu o acto de clausura das xornadas, e subliñou a importancia deste tipo de iniciativas, que neste caso parte dunha asociación de estudantes, de cara á formación complementaria dos universitarios e universitarias. Vázquez estivo acompañado por Rogelio Fernández, suddirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, María Lameiras, vicerreitora do campus, Emilio Atrio, presidente do Consello Social da Universidade e José Antonio Pérez, presidente de Syme.

Este último valorou “moi positivamente esta edición das Xornadas de Medio Ambiente e Dereito Ambiental” que contaron con máis de 320 matriculados. O presidente da asociación quixo agradecer a colaboración da vicerreitora, María Lameiras, “para sacar adiante esta iniciativa” e o apoio da Consellería de Medio Rural e expresou o seu desexo de que poidan continuar celebrándose nos vindeiros anos.

Máis de vinte relatorios de temas de actualidade

Dende o luns pasaron por estas xornadas algúns dos máis destacados expertos en materia de medio ambiente e desenvolvemento sostible. En total máis dun vintena de relatorios e debates arredor de temas como os espazos naturais protexidos, o control e a xestión ambiental, cambio climático, xestión de residuos e augas e mesmo tivo un oco o Campus do Mar, que ven de obter a cualificación de Campus de Excelencia Internacional Rexional. Outros dos temas arredor dos que xiraron as conferencias estiveron relacionados coa educación sostible en termos ambientais, o desenvolvemento sostible no medio rural ou a relación entre o medio natural e o turismo con iniciativas como o turismo ornitolóxico. Afondouse tamén no dereito ambiental, outro dos piares desta iniciativa, abranguendo temas como a avaliación ambiental e as autorizacións ambientais.

Na última xornadas, a deste venres, os asistentes puideron achegarse á inspección ambiental, á xurisdición penal e civil no eido ambiental como ferramenta de protección para finalmente rematar coa intervención do fiscal do Tribunal Supremo.