DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas pola Facultade de Relacións Internacionais e AJE Galicia

Unhas xornadas farán balance dos 50 anos de relacións diplomáticas China-España

A cita terá lugar en Santiago de Compostela, os días 27 e 28 de outubro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Académica
DUVI Ourense 23/10/2023

A Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela acollerá os días 27 e 28 de outubro as xornadas 50 anos de relacións diplomáticas China-España. Galicia e o seu papel nas relaciones bilaterais. A cita está organizada pola Facultade de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo e a Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia (AJE), contando co apoio da Universidade de Santiago de Compostela.

A iniciativa enmárcase dentro das actividades que se realizan no Grao Interuniversitario en Relacións Internacionais que se oferta conxuntamente na Universidade de Vigo (campus de Ourense) e na Universidade da Coruña (campus de Ferrol). A xornada está coordinada polo profesor das facultades de Historia e Relacións Internacionais e da Área de Historia Contemporánea da UVigo Luis Velasco. Segundo explican desde a súa organización, a actividade xorde tras cumprirse medio século da apertura das relacións diplomáticas entre a República Popular China e o Reino de España. Un fito que, indican, produciuse a principios dos anos 70 do pasado século no marco da apertura de China ao mundo occidental tras normalizarse as relacións diplomáticos do país asiático con Estados Unidos por iniciativa do entón secretario de estado Kissinger.

As xornadas queren achegarse a estas relacións bilaterais a nivel diplomático pero tamén, apuntan desde a organización, “achegándonos a como se teñen relacionado as sociedades española e chinesa, neste caso a través do caso galego”. Deste xeito, a programación inclúe, por exemplo, as experiencias dun emigrante pioneiro chinés e de empresariado ou profesionais españois afincados no país asiático ou traballando no seu mercado de maneira continua. Tamén haberá diferentes achegamentos ás dinámicas de intercambio entre os dous países en eidos como a cultura, a I+D+i e a educación (con especial referencia ao ensino do idioma español, dada a súa importancia para a apertura económica de China a Europa e a América Latina).

Dous días de actividade

A programación arrancará o venres 27 pola parte coa presentación a cargo de Luciano Covelo, presidente de AJE-Galicia; Laura Carballo, decana da Facultade de Relaciones Internacionais da UVigo, e Luis Velasco, coordinador do evento. Josefina Ling, profesora xubilada da USC, ofrecerá unha conferencia na que falará de seu pai, Lindsey Ling, un pioneiro na emigración de China a España na década de 1960. A mesa Galegos en China contará coa participación de Lin Hong (consultora financeira e presidenta da Fundación Hey Sports), e de Sandra Costas e Susana Caldas. Para rematar a sesión, Pilar Taboada, xerenta de Cursos Internacionais de Santiago de Compostela, falará sobre a formación en lingua española de alumnado e investigadores chineses en Galicia.

Xa o sábado, a actividade comezará cunha conferencia de Modesto Corderi, profesor de chinés da Xunta de Galicia, sobre intercambios culturais e educativos entre China e Galicia e cun taller de introdución ao protocolo do país asiático e as diferenzas culturais con el, a cargo de Jia Baihui, profesora auxiliar de conversación de chinés na Escola Oficial de Idiomas da Coruña. Seguiralle una intervención de Jiambo Xiao, investigador da Universidade de Vigo, na que contará a súa experiencia entre China-España, e outra de Han Yu, presidente da Asociación China Universitaria de Galicia, sobre a situación actual e o futuro do alumnado chinés en Galicia na nova era. A clausura correrá a cargo de Alfonso Lago, vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente da UVigo, e Weimin Zhao, conselleiro de Educación da embaixada da República Popular China en España.