DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrarase este xoves día 13 en diferentes puntos da cidade de Ourense

As Xornadas Interxeracionais cumpren 20 anos apostando pola convivencia entre persoas de diferentes idades e capacidades

Arredor de 200 persoas participarán nesta edición

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantes
DUVI Ourense 12/04/2023

Este xoves 13 de abril a cidade de Ourense volverá a acoller unha nova edición, a número 20, das Xornadas Interxeracionais, unha cita que cada ano une alumnado, persoas das Aulas de Terceira Idade e persoas con diversidade arredor do xogo e co obxectivo de rachar as barreiras da diferencia de idade e entre colectivos diversos.

“As Xornadas Interxeracionais cumpren dúas décadas máis fortes ca nunca. Xa son 20 anos de xogos e risas”, explica Millán Brea, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e un dos promotores desta iniciativa desde as súas orixes. A cita, detalla, conta como en anos anteriores coa organización conxunta do alumnado de primeiro curso do Grao en Educación Social do campus de Ourense e das Aulas da Terceira Idade de Galicia. “Durante este cuadrimestre, e dentro da materia Pedagoxía Social deste grao, o alumnado organizou a través dunha metodoloxía de aprendizaxe-servizo a coordinación desta cita, que é referente a nivel estatal en actividades de educación social”, sinala.

Chegados a estes 20 anos, Millán Brea subliña que “estas xornadas consolídanse como un referente estatal de boas prácticas, por onde pasaron xa milleiros de persoas e máis de dez promocións de Educación Social”. Ademais, pon en valor desta iniciativa “a súa autonomía e independencia económica das administracións, xa que se fai co traballo do alumnado e Ategal”. A participación de diversas entidades de persoas con diversidade funcional que “se unen a xogar polo carácter inclusivo” e “a adquisición de competencias profesionais únicas de educación social” fan que esta actividade “sexa un orgullo para o campus e para a cidade de Ourense", afirma o profesor.

Xogos de hoxe e de sempre

Segundo explica Millán Brea, está prevista a participación de arredor de 200 persoas “chegadas de asociacións de persoas con diversidade funcional da cidade e alumnado do Ciclo de Integración Social do CIFP Portovello”, ademais do propio estudantado do campus participante na organización da cita. Seguindo a dinámica de cada ano, as xornadas terán como motivación os “xogos de hoxe e de sempre”. Así, o programa arrancará ás 10.00 h, como xa é tradición, na Praza Maior da cidade coa lectura do manifesto interxeracional, feito por alumnado e usuarias de aulas Ategal e no “que se reivindicarán espazos de encontro onde compartir experiencias e, como non, xogos para todas as idades”.

Posteriormente, as e os participantes trasladaranse ao Xardín do Posío (ou ao pavillón universitario do campus se chovese), para xogar co alumnado a actividades preparadas pola organización e que este ano teñen como temática “Galicia no tempo". Xa pola tarde, as persoas maiores "tomarán" o campus e organizarán xogos tradicionais, aproveitando os espazos exteriores para ensinar ás e aos participantes a ra, os zancos, a corda, etc. Finalmente, a programación concluirá cunha merenda “para compartir os momentos vividos xa nun ambiente relaxado e distendido”.