DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovidas pola Sociedade Galega de Historia Natural, terán lugar o 25 e 26 de novembro

As Xornadas de Patrimonio Natural e Biodiversidade retornan á EE Forestal para afondar “en problemáticas ambientais actuais”

Abordarán temáticas como os parques eólicos mariños ou a conservación de especies protexidas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 14/11/2023

Despois de non desenvolverse en 2022 e de dúas edicións que a covid-19 obrigou a converter en virtuais, as Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade retornan neste mes de novembro á Escola de Enxeñaría Forestal. Promovidas pola Delegación de Pontevedra da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), a sexta edición deste evento, que terá lugar o sábado 25 e domingo 26, reúne no seu programa un conxunto de coloquios que permitirán afondar “en problemáticas ambientais moi actuais”, como salienta Saleta González, vogal da sección de botánica desta sociedade. Entre outras cuestións, as xornadas porán o foco nos efectos dos parques eólicos mariños, na conservación de especies vulnerables ou protexidas, no impacto dos gatos na biodiversidade de determinadas zonas e na adaptación das masas forestais aos efectos do cambio climático.

A programación das xornadas foi presentada este martes na EE Forestal polo director do centro, Juan Picos, o secretario xeral da SGHN, José Rodrigo Dapena, e por Saleta González. “Para a escola é unha ledicia recibir unha actividade que sempre atrae moito público”, salientou Picos, que destacou que a SGHN é “unha entidade de referencia”, que cumpre 50 anos neste 2023, así como o nivel dos relatores e relatoras, entre os que figuran investigadores das tres universidades galegas ou da Estación Biolóxica de Doñana e que fan deste un foro “moi interesante tanto para o noso alumnado, como para a cidadanía”. Con entrada libre, previa inscrición, as xornadas arrancarán o sábado 25 na EE Forestal, cun programa integrado por nove conferencias, trasladándose o domingo ao Museo de Pontevedra, onde, ás 11.30 horas, terá lugar a proxección do documental Iberia, naturaleza infinita, que suma nove candidaturas aos premios Goya, xunto cun coloquio co seu director, Arturo Menor.

Da investigación ao activismo social

Tanto investigadores e naturalistas, como representantes do “activismo social” exercerán como relatores, explicou González, nunhas xornadas que abrirá a catedrática da Universidade da Coruña Marta García falando sobre a eólica mariña, co obxectivo de “pór sobre a mesa diferentes dúbidas que poida haber sobre a compatibilidade” da implantación de parques eólicos na costa galega sobre o sector pesqueiro ou sobre "as zonas de paso e migración de aves”, explicou González. A continuación, Xosé Lois Rey, da SGHN, afondará na elaboración de “atlas da biodiversidade”, mentres que o naturalista Xosé Manuel Penas lembrará a caza de baleas en Galicia. Por outra banda, o investigador da Estación Biolóxica de Doñana (CSIC) Miguel Clavero abordará “o impacto dos gatos na biodiversidade”, xa que, como lembrou González, estes animais son unha especie depredadora e “a súa cría en zonas non domésticas” pode causar “graves impactos” na fauna de determinadas zonas. 

O bloque matinal pecharase cun relatorio da investigadora da Universidade de Santiago de Compostela Mari Paz Ondina sobre a conservación dunha especie “en perigo de extinción”, os mexillóns de río Margaritifera margaritifera, afectados polo “impactos da contaminación das augas dos ríos e encoros no seu ciclo e de vida”. Xa pola tarde, Juan Picos impartirá un relatorio sobre a resiliencia e capacidade de adaptación das masas forestais aos efectos do cambio climático, eixe central do proxecto europeo Resonate, no que participa a EE Forestal, xunto unha vintena de entidades de doce países. Tamén nesta primeira terá lugar un relatorio de Jesús de la Fuente, da asociación A Rente do Chan, sobre “a importancia da mobilización social na defensa dos ríos”, como explicou Dapena, e unha conferencia sobre os 50 anos de historia da SGHN, a cargo do seu presidente, Serafín González, pechándose o programa cunha conferencia de Genaro da Silva sobre a construción do hábitat dunha bolboreta protexida.
 

Programa das VI Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade