DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Teñen lugar en Ciencias da Educación e do Deporte, no marco dun proxecto de innovación docente

Unhas xornadas poñen o foco nas aplicacións educativas das tecnoloxías dixitais 

Dirixidas á formación do profesorado participante

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI Pontevedra 28/11/2022

As posibilidades educativas de múltiples ferramentas tecnolóxicas, desde aplicacións para móbiles ata a robótica, centran unhas xornadas formativas dirixidas ao profesorado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte participante nun proxecto piloto de innovación docente que levará a 300 alumnos e alumnas a deseñar unha serie de unidades didácticas que incorporen coñecementos de diferentes áreas e que porán en práctica en diferentes centros de ensino. Coordinado pola catedrática Margarita Pino, o proxecto propón que estudantes de seis materias dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria compartan “unha metodoloxía de traballo interdisciplinar”, baseada no uso das novas tecnoloxías e en estratexias educativas como a gamificación. Con ese propósito, o proxecto desenvolve unhas xornadas de formación que este luns e martes poñen o foco no uso educativo das tecnoloxías dixitais, da man da catedrática da Universidad de Murcia Paz Prendes. 

Abertas tanto ás docentes participantes nesta iniciativa como ao profesorado da facultade, estas xornadas teñen como obxectivo achegar unha serie de “técnicas e instrumentos” de cara á posterior implantación dun proxecto no que “o noso alumnado vai ter que deseñar unha unidade didáctica integrada e inclusiva”, que teña en conta que nas aulas hai nenos “que poden ter dificultades de aprendizaxe”, salienta Pino. Partindo dunha formación xeral sobre deseño e desenvolvemento do currículo, estas unidades deberán á súa vez implicar un “traballo interdisciplinar” que englobe diferentes didácticas específicas, como a educación física, a lingua e literatura ou a música. O seu obxectivo, sinala, é que os futuros e futuras docentes sexan quen de definir proxectos “que dean solución a un problema da vida real cos coñecementos de varias áreas”. 

Tecnoloxías que forman parte da formación dos futuros docentes

No marco dese proceso previo de formación do profesorado participante insírense as xornadas nas que Paz Prendes aborda “as tecnoloxías dixitais desde unha aproximación educativa, como ferramentas para a formación”. O propósito desta actividade, explica esta catedrática de Tecnoloxía Educativa, é afondar “nas posibilidades das tecnoloxías como ferramentas transversais que poden ser utilizadas por calquera profesor de calquera área”. Con esa idea, Prendes presentou unha serie de exemplos do uso didáctico tanto de tecnoloxías que están presentes na vida diaria, “como ferramentas para buscar información ou aplicacións que podemos instalar nos nosos dispositivos móbiles”, como doutras “más avanzadas, que ademais estanse integrando no currículo formal, como a robótica ou a intelixencia artificial”.

Esta aproximación a diferentes ferramentas vese complementada pola abordaxe do “modelo de competencia dixital docente” e da “necesidade de formar aos futuros docentes” neste tipo de competencias, como recollen, lembrou, tanto os documentos de organizacións internacionais como a Comisión Europea ou a Unesco, como a propia lexislación española. “Xa non é unha cuestión de elección, as tecnoloxías dixitais teñen que estar integradas no currículo”, concluíu Prendes. 

Gamificación e deseño de actividades

Estas xornadas sobre innovación educativa, que a facultade promove xunto coa Escola Aberta de Formación Permanente e Área de Formación e Innovación Educativa, abríronse a pasada semana cunha sesión na que Pino afondou nas novidades que implica a Lomloe no referido ao “deseño de recursos e deseño metodolóxico”. Partindo deste marco xeral, a actividade céntrase agora nas aplicacións didácticas das novas tecnoloxías para logo, este xoves, explorar as posibilidades educativas da gamificación, nunha sesión impartida polo profesor da Universidad de Granada José Antonio Marín. Ao día seguinte, o venres 2, terá lugar unha actividade dedicada ao desenvolvemento "de actividades interdisciplinares para un deseño universal de aprendizaxe”, que contará coa participación do profesor da Universidad Isabel I Iago Portela e na que as participantes traballarán xa na elaboración, como explica Pino, “das unidades didácticas de todas as materias” incluídas no proxecto, de cara á súa implantación no segundo cuadrimestre. 

Finalmente, está previsto que esta actividade formativa se complete en marzo do vindeiro ano cunha sesión titulada Propostas de innovación educativa na universidade: TIC e STEAM, a cargo do catedrático de Didáctica da Expresión Musical da Universidad de Granada Jose Luis Aróstegui.