DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas pola Área de Igualdade en colaboración co Servizo de Deportes

Unhas xornadas para rachar cos estereotipos sobre a muller e o deporte

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 27/01/2010

As portas de determinadas ligas pechadas, deportes claramente masculinizados, soldos e premios moi inferiores, menor recoñecemento... Son moitas as mostras que na actualidade podemos atopar no mundo deportivo da falta de igualdade real entre homes e mulleres, un campo máis no que se dan estas incoherencias. A Área de Igualdade, para acadar os seus obxectivos de concienciar á comunidade universitaria e traballar a prol da equidade real, uniuse ao Servizo de Deportes para organizar estas primeiras Xornadas de Actividade Física e Mulleres que se desenvolverán nos tres campus da Universidade entre os días 17 de febreiro e 3 de marzo.
Segundo explica a directora da Área de Igualdade, Carmen Quinteiro, “o mundo do deporte é unha das múltiples esferas nas que as mulleres estiveron, e seguen a estar, tradicionalmente subrepresentadas. Ao longo dos séculos formáronse concepcións erróneas sobre o axeitado desenvolvemento físico da muller, os estereotipos ligados á masculinidade e á feminidade seguen estando vixentes e exercendo unha forte influenza, tamén no mundo do deporte”. Neste sentido, os organizadores destas xornadas destacan problemas a solucionar como as diferenzas biolóxicas mal interpretadas, que representaron “unha clara discriminación e sustentaron normas de comportamento que supuxeron para as mulleres unha limitación tanto do coñecemento e uso do propio corpo como da súa actividade físico-deportiva o que favoreceu a escasa presenza feminino no campo deportivo.
Así, o obxectivo destas Xornadas de Actividade Física e Mulleres é analizar a situación actual e as causas que impiden a normal incorporación da muller á práctica deportiva, denunciar os estereotipos e analizar os factores tanto sociolóxicos, como psicolóxicos e culturais que afectan á práctica deportiva. Por outra banda, e para avanzar cara unha realidade equitativa, esta iniciativa pretende tamén afondar no xeito de promocionar o deporte entre as mulleres en xeral, e entre as da comunidade universitaria en particular. “Debemos analizar todos aqueles factores que afectan á práctica deportiva feminina, resaltar a importancia de promocionar prácticas deportivas igualitarias, ofrecer á sociedade modelos deportivos femininos e deseñar e poñer en práctica estratexias destinadas a coeducar e a facilitar a incorporación das mulleres ao ámbito deportivo”, explica Quinteiro.

Cinco xornadas de intenso traballo nos tres campus

A idea destas xornadas e desenvolver o traballo por igual nos tres campus –ofrécense 40 prazas en cada un dos tres- e a programación concentrarase en cinco xornada de tarde, entre o 17 de febreiro e 3 de marzo dependendo do campus. Neste tempo “trataranse temas como a importancia da actividade física para a saúde das mulleres, socialización de xénero e deporte ou falsos mitos sobre nutrición. Presentaranse experiencias exitosas de promoción da física entre as mulleres, estratexias para coeducar nos ámbitos físicodeportivos...” explica a directora da Área de Iguadaldade.
A inscrición é de balde e está aberta a todos os membros da comunidade universitaria ata o día 11 de febreiro a través da Área de Igualdade.

Actividade complementarias

Paralelamente ao desenvolvemento das xornadas o Servizo de Deportes organiza tres actividades paralelas. Por unha banda, unha competición de fútbol 7 feminino o día 2 de marzo e, por outra, un curso teórico-práctico de monitores e monitoras de fútbol sala que terá lugar entre os días 18 e 27 de febreiro, ambos obradoiros no campus de Pontevedra. Finalmente, completa a oferta un programa de actividade física e saúde para mulleres que de impartirá nos tres campus “ que permitirá aos participantes nas xornadas acceder de balde á sala de cardio-fitness do seu campus correspondente durante o mes de marzo.
Para a inscrición nestas actividades complementarias os trámites deben realizarse nos pavillóns universitarios dos campus de Pontevedra ou Ourense ou ben no Edificio do Servizo de Deportes en Vigo. Para a competición de fútbol 7 o prazo permanece aberto ata o día 19 de febreiro, para o curso de monitores de fútbol sala ata o 12 de febreiro e para o programa de actividade física e saúde ata o 28 de febreiro.

Programa completo (766.01Kb)