DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Expertos en Dereito do Taballo analizan a lexislación vixente, coa ollada posta na corresponsabilida

Unhas xornadas revisan "o que queda por facer" para a conciliación laboral e familiar

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 17/06/2010

O de 18 de xuño de 2009 renovouse o acordo marco europeo para as políticas laborais que inclúe o permiso por paternidade e outras cuestións relativas a excedencias, outros permisos e redución de xornadas. O pasado 8 de marzo, Día da Muller, aprobouse unha directiva comunitaria para a súa aplicación. Coincidindo co primeiro aniversario da aprobación do devandito acordo celebráronse onte e hoxe na Casa das Campás as Xornadas sobre conciliación da vida familiar e laboral. Corresponsabilidade entre os sexos, dirixidas polo profesor Jaime Cabeza. Segundo el mesmo explica, a idea parte do grupo de investigación coordinado pola Universidade de Vigo, no que colaboran tamén as de Girona, Valencia e Cádiz, centrado no estudo das políticas de conciliación laboral e familiar. Con base nisto, o obxectivo das xornadas é facer unha análise sobre como incorporar esa directiva a España e tamén sobre como se está desenvolvendo a xurisprudencia interna nesta materia. Para isto onte interviñeron Teresa Pérez del Río da Universidade de Cádez, Amparo Ballester de Valencia e o propio Jaime Cabeza, todos eles catedráticos de Dereito do Traballo e Seguridade Social. Como convidada participou a profesora Carmen Viqueira da Universidade de Alicante.

Algunhas valoracións

Na opinión de Jaime Cabeza, a directiva “é tibia nos cambios, pero presenta algún avance”. Pon como exemplo o mes de permiso que establece para os homes no caso de parternidade, subliñando que é intransferible. “Ten moito coidado tamén con achegar facilidades de horario tras a reincorporación e tamén busca compatibilizar ferramentas para manter o contacto coa empresa cando se pide unha excedencia”, engade. Destaca tamén como un avance importante a fixación de permisos por causa de forza maior, como pode ser o coidado dun familiar cunha enfermidade terminal.
Unha das principais críticas que lle fai á directiva é a inexistencia de prestacións pola crianza de fillos. “Non impón nada ao respecto, aínda que o recomenda e isto é o que fai que esteamos á cola con respecto doutros países europeos.
No caso da Universidade considera o plan de conciliación ten que ser un tema fundamental do equipo de goberno. “Queda moito por facer e a ver se entre todos e todas podemos avanzar”, sinala.

O modelo de Chile

Hoxe pechou as xornadas Alfredo Sierra Herrero, profesor de Dereito do Traballo da Universidade dos Andes (Chile). Realizou un repaso polo ordenamento laboral do seu país con relación á conciliación da vida laboral e familiar. Sinalou que estes aspectos están bastantes dispersos normativamente e que recollen medidas basicamente relativas á xornada e á protección da maternidade. “Chile é un país pouco produtivo, pasamos moitas horas no traballo e poucas coas familia”, resaltou. Citou como un problema engadido neste sentido a alta densidade de poboación das cidades, que provoca que unha persoa poida demorar máis de dúas horas en chegar ao seu lugar de traballo. Como unha medida de conciliación con respecto á xornada indicou que por cargas familiares se pode solicitar unha xornada parcial, aínda que en calquera caso sempre é o empregador quen decide as quendas. Falou tamén da posibilidade de ter xornadas excepcionais, co mesmo número de días de traballo e descanso, en determinado tipo de traballos e puxo como exemplo a minería do cobre, unha das maiores actividades económicas do país.
Respecto do nacemento de fillos subliñou que “non existe o concepto de corresponsabilidade”. En calquera caso é á nai a quen se lle concede o permiso, de 6 semanas antes do parto e de 12 despois “Ao pai concédenselle cinco días, pero só polo dereito de coñecer ao fillo e pola cuestión práctica do traslado a casa da nai, nunca pensando na corresponsabilidade”, subliñou.