DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovidas pola delegación de estudantado e patrocinadas polo Consello Social da UVigo

Unhas xornadas sitúan o alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte ante o seu futuro profesional

Abordan as súas saídas laborais e achéganlles formación complementaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Charlas e seminarios
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 25/04/2023

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolle este martes e mércores unhas xornadas que buscan tanto achegar ao alumnado unha serie de claves para enfrontarse á preparación dos seus traballos de fin de grao e ás prácticas, como amosarlles posibles saídas profesionais e achegarlles formación complementaria en ámbitos como a intelixencia emocional, a resolución de conflitos ou os primeiros auxilios. Organizadas pola Delegación de Estudantado e patrocinadas polo Consello Social da Universidade de Vigo, estas xornadas formativas parten, de feito, das achegas do propio alumnado da facultade respecto “das necesidades que cren que están por cubrir” na súa formación, como explica a representante da delegación Carmen Maciñeiras.

Concibidas principalmente para o estudantado dos últimos cursos de grao, aínda que abertas ao público, estas xornadas buscan “incrementar a formación que recibimos nas aulas con outros contidos que ao mellor non se tratan nas materias ou se aplican de xeito transversal”, explica Maciñeiras. Nese senso, a actividade que cada curso se promove desde a delegación co apoio do Consello Social e do Decanato, inclúe sempre relatorios centrados na preparación dos TFG e no que implican as prácticas curriculares tanto dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria, como de Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Mais, a partir de aí, sinala Maciñeiras, “preguntamos sempre ao estudantado” que outra serie de temáticas quererían abordar en cada edición. Con ese propósito, explica, este ciclo reúne como conferenciantes tanto a antigos alumnos e alumnas da facultade, “que nos achegan unha percepción máis próxima”, como a profesorado do centro e a profesionais alleos á institución académica, coa idea de “ampliar un pouco a perspectiva”.

“Parécenos moi interesante que o alumnado organice tipo de iniciativas”, engadiu nese senso a vicedecana Begoña Paz. Encargada, xunto a Maciñeiras, de inaugurar estas xornadas, Paz destacou o positivo dunha iniciativa que permite que o estudantado coñeza tanto “a experiencia de compañeiros e compañeiras” de promocións anteriores en ámbitos como as prácticas, como que reciba formación “noutras habilidades”, partindo ademais "dos seus propios intereses".

Dous días, once conferencias

Estas xornadas formativas, que combinan no seu programa diferentes temáticas centradas tanto na educación como no deporte e a actividade física, arrancaron na mañá deste martes co relatorio Chaves para afrontar o TFG desde un punto de vista estudantil, impartido pola titulada Zeltia Augusta Pino. A continuación, o ciclo detívose na psicoloxía deportiva, da man de Jorge Carril, para logo abordar o desenvolvemento das prácticas en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, nun relatorio da tamén egresada Isabel Noya. Esta primeira xornada completouse cun relatorio sobre estratexias de resolución de conflitos, a cargo da directora da Área de Convivencia e Xestión Positiva de Conflitos da UVigo, a catedrática Francisca Fariña, e cun achegamento á preparación física no fútbol, da man do membro do equipo técnico de Pontevedra CF Daniel Vilas.

As xornadas continúan este mércores cun relatorio sobre intelixencia emocional da psicóloga Beatriz Dukart, seguido dun coloquio sobre o aproveitamento das prácticas en centros de ensino, a cargo da egresada e mestra de educación infantil Maruxa Trigo. Tamén nesta xornada, a vicedecana Begoña Paz afondará no desenvolvemento das prácticas en educación, nun relatorio que se verá precedido por un achegamento ao traballo dunha auxiliar de conversa, da man de Sara Vázquez. Xa pola tarde, o ciclo completarase cun coloquio sobre primeiros auxilios nas aulas, impartido polo profesor da facultade e coordinador do grupo de investigación Remoss, Roberto Barcala, e cun relatorio sobre as saídas profesionais no ámbito da actividade física e deporte, a cargo do tamén docente do centro e xerente do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia, Roberto Silva.