DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xornadas Digit@lis foron inauguradas por Jennifer Preston, directora de social media do New York

O xornal xa non ten escusa para ignorar ao seu lector

No mundo dixital hai que ir en busca do usuario e involucralo na creación dos contidos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 01/12/2011

Chegou o momento de que o lector tome a palabra pois internet pon na súa man ferramentas que lle permite interactuar de ti a ti cos medios de comunicación e estes deben aceptar este novo rol achegándose o máis posible a el. Sobre esta realidade reflexionou Jennifer Preston, directora de social media do New York Times na conferencia inaugural de Digit@lis, xornadas organizadas pola profesora Isabel Suárez co apoio da Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Preston afirmou que a prensa en papel debe estar presente igualmente nos medios sociais, pero non coa mesma información senón involucrando á cidadanía na creación dos contidos. “Cando empecei neste mundo, o xornalista e o editor tomaban todas as decisións, en cambio agora estamos encantados de que os lectores participen e colaboren no proceso creativo”, explicou Preston. No acto inaugural Antonia Blanco, vicerreitora do campus, destacou o elevado nivel dos conferenciantes das xornadas, “que colaboraron desinteresadamente para facer posible este evento”. Pola súa banda, Isabel Suárez incidiu no enfoque práctico do encontro e a heteroxeneidade do público, “entre o que se atopan empresarios, autónomos, estudantes… pondo de manifesto a proximidade da Universidade co mundo real e co seu tecido social”.

Jennifer Preston fixo fincapé en que todo negocio que pretenda sobrevivir no mundo dixital debe achegarse ao seu usuario, escoitalo e crear unha conexión con el. Comentou que o Facebook de New York Times tiña case dous millóns de seguidores, “pero para que serven se non interactuamos nin sabemos que facer con eles?”. Así sinalou que os usuarios deben de deixar de ser simples fans co uso de ferramentas dixitais que os involucren na elaboración das noticias. “Youtube posibilita a creación de contido xerado polas masas a partir dun móbil ou Foursquare, unha rede social onde o usuario indica onde se atopa, opinando tamén sobre o lugar”, apuntou. Ademais de conseguir esta colaboración, o redactor dixital ten a obriga de ir en busca do seu lector pola rede, pois “non pode esperar a que alguén o veña ler ao seu blog, debe entregarlle en bandexa a información estea onde estea”, engadiu Preston.

Convencer a xornalistas e editores

Para conseguir este cambio de perspectiva, a directora de social media do New York Times apuntou que antes é necesario convencer a editor e persoal do xornal das vantaxes de usar as ferramentas dixitais. Mentres que os primeiros acceden ao comprobar que os ingresos por publicidade aumentan, xa que as redes sociais implican un maior tráfico de usuarios, “os xornalistas deben comprender os valores sociais desas ferramentas e como lles poden axudar a publicar en tempo real, deixando atrás o procedemento máis lento da lectura ao día seguinte”. Para exemplificar esta cuestión Preston aludíu á cobertura da Semana da Moda realizada polo New York Times na que, en vez de elaborar unha noticia a posteriori, “equipamos aos nosos redactores cun iphone para que no momento subiran fotos do desfile ás súas contas". Ademais de que aplicacións como Twitter ou Facebook permiten o coñecemento inmediato de sucesos que aconteceron máis aló das fronteiras, “estrean unha nova forma de concibir o xornalismo, na que o escritor non soamente comparte a noticia, senón todo o proceso, creando unha conexión co lector”.

O negocio xa non está no papel

Trala conferencia inaugural de Jennifer Preston, o xornalismo galego tomou a palabra nunha mesa redonda composta por Bieito Rubido, director do ABC, Lois Blanco, director xeral de La Voz de Galicia, Lois Caeiro, director de El Progreso, Caetano Díaz, subdirector de El Correo Gallego, e Manuel Ferreiro, director de El Ideal Gallego, que non se puxeron de acordo no futuro da prensa. Mentres que Caeiro, Díaz e Ferreiro aférranse á versión en papel, Blanco e Rubido apostan pola dixital. Para o director xeral de La Voz de Galicia, “a pregunta non é se os medios tradicionais sobrevivirán ao dixital, a cuestión reside en que se seguirá habendo negocio para as empresas de comunicación”. Engadiu que ao papel lle quedan poucos anos de vida e que se acabará convertendo nun produto de luxo consumido por uns poucos.

Para tratar máis polo miúdo as vantaxes dos social media en diversos sectores profesionais, as xornadas continuarán mañá coa mesa redonda protagonizada por expertos do mundo 2.0, entre os que se encontran os profesores da Universidade, José Carlos López Ardao e Daniel Martí e blogueros e tuiteros como Manuel Gago, responsable da web do Consello de Cultura, Jesús López Cortiñas, responsable de marketing online do grupo Femxa, Lontzo Sainz, responsable de networking en EITB.com e Javier Pedreira, cofundador de Microsiervos, que compartirán cos asistentes as súas experiencias e proxectos nas redes sociais. O programa complétase con dúas conferencias e dous obradoiros sobre educación 2.0, impartidos por Dolors Reig e Asier Gallastegui, sobre este novo modo de ensino.