DUVI

Diario da Universidade de Vigo

45 investigadores participaron no curso de comunicación organizado polo Consello Social e Campus do

Xornalismo e ciencia: crónica da fin dun desencontro

Unha decena de xornalistas achegaron estratexias para acadar unha mellor comunicación da ciencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarria DUVI 19/10/2011

Como acadar un entendemento entre o reino da velocidade e do titular de impacto e do da lentitude e a precisión? É posible conciliar a linguaxe da rúa e a dos tecnicismos? Chegarán a ausencia de especialización e o coñecemento en profundidade a compartir obxectivos? Aínda que con moitas, e a criterio de algúns especialistas, con diferenzas irreconciliables, a ciencia e o xornalismo, son quen de acadar puntos de encontro que permiten transmitir á sociedade os froitos do traballo desenvolvido nas áreas científica, tecnolóxica, xurídica-social ou humanística. Proba de que este entendemento é posible ou polo menos resulta factible promovelo é o Curso de comunicación para investigadores celebrado hoxe no Centro Social Novacaixagalicia e nas dependencias de Radio Vigo Grupo de Comunicación e no que preto de 50 investigadores e investigadoras achegáronse ás prácticas e xéneros xornalísticos. Esta iniciativa impulsada polo Consello Social da Universidade de Vigo e Campus do Mar, foi quen de concitar o interese de investigadores das tres universidades galegas e do Norte de Portugal, así como de centros de investigación como o CSIC ou o Centro de Investigacións Mariñas.

A xornalista Milagros Asenjo; o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Xosé Pereira; o xornalista Ernesto Sánchez Pombo; o presentador do programa da Radio Galega, Efervescencia, Manuel Vicente e os redactores de Faro de Vigo, Sandra Penelas, de Atlántico Diario, Rocío Suárez e de La Voz de Galicia, Angel Paniagua foron os encargados de introducir aos participantes no curso nos “segredos” do xornalismo e achegalos ás claves para desenvolver unha comunicación científica efectiva. Da man de Jaime González de Haz e Miguel Martín, os investigadores puideron en dependencias de Radio Vigo Grupo de Comunicación, entrar en contacto con aspectos máis prácticos dos medios radiofónico e televisivo.

Sacar os tesouros do cofre

O director de Campus do Mar, Emilio Fernández, foi o encargado de inaugurar un curso do que destacou a súa compoñente práctica e a gran resposta que tivo por parte do colectivo investigador ata o punto que foi preciso incrementar o número de prazas das 30 iniciais a 45.

A xornalista Milagros Asenjo que durante 25 anos desenvolveu o seu traballo desde as páxinas do diario ABC e na actualidade exerce á fronte la Xefatura de Prensa da Universidad Rey Juan Carlos, incidiu na súa intervención na tarefa común que comparten xornalistas e investigadores de dar a coñecer á sociedade os logros da ciencia. “Os avances científicos son tesouros que non se poden gardar nun cofre”, dixo Asenjo que animou aos investigadores a perder o medo a comunicar seguindo unhas pautas destinadas a adaptar a mensaxe aos medios. Neste sentido a xornalista puxo o acento na necesidade de trasladar mensaxes coherentes e de interese que sexan “claras, breves, concretas, concisas e completas”, nas que se fuxa dos tecnicismos e desde unha actitude humilde. “Tedes que conquistar aos xornalistas” recomendoulles Asenjo aos investigadores, “contar pero non impoñer, prever as preguntas e non temer os titulares”. Desde a súa experiencia a xornalista debullou o modus operandi á hora de enfrontar tarefas como redactar un artigo, acudir a unha entrevista en televisión, dar unha conferencia ou difundir un proxecto e apostou por unha ciencia amable e uns científicos próximos.

A relación investigador-medios de comunicación centrou a mesa redonda na que o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e os xornalistas Ernesto Pombo e Manuel Vicente, abordaron cuestións como os tipos de divulgación científica, as diferenzas que no exercicio da súa profesión manteñen xornalistas e investigadores ou as claves para facer atractivo a ollos da sociedade a divulgación da ciencia. Moderados polo decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, Juan Corbacho, os participantes na mesa redonda reflexionaron en voz alta sobre a conveniencia de se se pode ou non divulgar as actividades científicas a un público xeral. “Depende do tema, do científico, da actualidade”, asegurou Xosé Pereira, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC que tamén lembrou que non sempre son os científicos os encargados de realizar a divulgación. O programa O mundo de Beakman, Redes de Eduard Punset u o documental de Al Gore ,Unha verdade incómoda son os exemplos cos que Pereiro ilustrou esta afirmación á que sumou unha serie de estratexias que os científicos deberían seguir na súa relación cos xornalistas entre as que destacou a dispoñibilidade ou o feito de que todo o que dicen en espazos públicos como conferencias ou clases son sempre “declaracións on the record”.

Desde unha perspectiva intencionadamente crítica, Ernesto Sánchez Pombo, asegurou que non existe a conexión que debera haber entre xornalistas e científicos. “Os xornalistas somos un océano de coñecemento dun centímetro de profundidade, mentres que os científicos representan o coñecemento en profundidade”, asegurou o xornalista que recoñeceu o importante avance que nos últimos cincuenta anos se ten rexistrado na presenza da ciencia nos medios de comunicación. Para Sánchez Pombo que avogou pola especialización dos xornalistas, a información científica debe ser “rigorosa e de calidade” e os xornalistas deben ter capacidade para valorar a importancia dunhas novas que habitualmente teñen que pelexar por un oco nos xornais na sección de Sociedade dos xornais.

Como director do programa Efervescencia da Radio Galega, Manuel Vicente explicoua súa estratexia de traballo para a elaboración dun programa integramente dedicado á divulgación científica. Así Vicente explicou como elixe aos investigadores e investigadoras que participan no seu programa “que ademais de ser especialistas nunha materia deben expresarse ben”, puntualizou. A contextualización, o emprego de metáforas e a capacidade de transmitir emoción son algúns dos “requisitos” que segundo Vicente, un investigador debera ser quen de transmitir.

Da teoría á práctica

Sentadas as bases teóricas do que xornalistas e científicos deberan facer para mellorar o seu entendemento, chegou o momento do achegamento á parte práctica. Os xornalistas Rocío Suárez de Atlántico Diario; Sandra Penelas de Faro de Vigo e Angel Paniagua de La Voz de Galicia, foron os encargados a través de exemplos prácticos de introducir aos e ás investigadoras nas claves da entrevista, a reportaxe e a rolda de prensa, respectivamente. Dous xéneros xornalísticos e unha estratexia de transmisión de comunicación sobre nas que os redactores locais centraron as súas intervencións orientadas a explicar de que xeito as deberían de enfrontar os investigadores.

As sesión prácticas finalizaron nos estudios de Radio Vigo e no plató de Localia Vigo, onde Jaime González de Haz e Miguel Martín, escenificaron cos participantes no curso cadanseu programa de radio e televisión coa finalidade de dar a coñecer aos investigadores as pautas a seguir para lograr a mellor transmisión dos seus coñecementos.