DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Membros de Agareso avogan en Ciencias Sociais por desenvolver un xornalismo comprometido

Xornalismo social para transformar o mundo

Aproveitando os recursos tecnolóxicos actuais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 02/11/2011

“Vívese un momento de crise mundial no que non hai traballo nin oportunidades, pero para o estudante de comunicación non houbo mellor época para nacer”. Con estas palabras Priscila Hernández, correspondente de Agareso (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) en México explicou ao alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación o importante papel que pode desenvolver na sociedade grazas aos recursos tecnolóxicos que no día a día ten ao seu alcance. “Existe a posibilidade de facer un xornalismo social que transforme a realidade dándolle verdadeira utilidade a ese móbil con cámara de fotos e con conexión a internet”, apuntou Hernández.

Tanto Priscila Hernández como Montse Fernández, delegada de Agareso en Pontevedra, recoñeceron que a clave para impulsar un xornalismo social e comprometido coa realidade atópase na formación dos futuros comunicadores e comunicadoras do país.“As xuventudes que están estudando agora comunicación van ser os profesionais do futuro e se non se lles forma en este ámbito, estamos inculcando unha cultura de consumismo total”, aclarou Fernández.

As representantes de Agareso defenderon a posibilidade de transformar o mundo dende a palabra, un dos obxectivos de Agareso, “que xurdiu para dar voz aos que non a teñen”, atopando en internet o seu principal aliado. Aínda así, a reporteira mexicana aclarou que esa transformación debe facerse con pequenas achegas e dende abaixo, “con cousas sinxelas como o feito de que un ou unha estudante publique ou denuncie no seu blog unha situación inxusta que observou pola rúa”, ademais de darlle utilidade ao tempo libre, “saíndo desa parcela do individualismo e do hedonismo”.

Creatividade e persistencia

Para Agareso, a responsabilidade de que o xornalismo social “dea un paso máis” recae no labor dos propios reporteiros e reporteiras “que deben tomar a iniciativa de intentar amosar outra realidade”, sinala Montse Fernández. En moitas ocasións esta postura pode chocar cos intereses do medio de comunicación para o que se traballa, “pero hai que ser creativo e persistente”, puntualizou Hernández. Así expuxo o exemplo dun reporteiro interesado na artesanía mexicana, sector que está a vivir unha situación difícil pola competencia chinesa. “O xornalista, coñecedor de que soamente estas reportaxes poden ter cabida en vacacións estivais porque a oficina de prensa do goberno está pechada, aproveita o verán para proporlle eses temas ao xefe de redacción”, comentou a experta mexicana. Trátase “de facer pequenas accións dende dentro do sistema”, engadiu.

Aínda que consideran que o xornalismo social xa atopou algúns ocos na programacións dos medios de comunicación convencionais, “a práctica de hoxe en día segue pecando de sensacionalista”, sinalou a delegada de Agareso en Pontevedra. Priscila Hernández chamou a atención sobre o xornalismo da televisión en España “con programas de catro horas seguidas dedicadas ao corazón” e destacou que en México dispoñen de canles públicos universitarios alternativos, “nos que se crean contidos entretidos e que ao mesmo tempo xeran coñecementos para as persoas de forma creativa e entendible”.