DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acollerá os días 11 e 12 unhas xornadas sobre esta temática

Entre o xornalismo e a xustiza, os dereitos das persoas

Os xuízos paralelos e os casos que afectan a colectivos sensibles serán algúns dos temas a tratar

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 05/03/2013

Durante un proceso xudicial de relevancia pública é habitual que o dereito a informar dos medios de comunicación choque co segredo de sumario e con outros dereitos das persoas implicadas. Hai xuízos nos que ademais se dá o agravante de que os afectados son colectivos especialmente sensibles, como menores ou vítimas de violencia de xénero. Para contribuír a que o tratamento mediático destes casos sexa o mellor posible, as III Xornadas sobre Prensa e Xustiza reunirán este mes no campus de Ourense a destacados expertos da xudicatura e da comunicación.

A cita, que nesta ocasión levará por título Xustiza próxima, xustiza transparente, terá lugar os días 11 e 12 de marzo na Facultade de Dereito de Ourense baixo a dirección de Antonio Dorado, vogal do Consejo General del Poder Judicial CGPJ, e de Inés Iglesias Canle, profesora de Dereito Procesal da Universidad de Vigo, e coa coordinación de Agustín Zurita, director de comunicación do CGPJ. “É importante analizar ata que punto se pode informar dun caso sen vulnerar os dereitos de defensa dos imputados, especialmente na fase sumarial dos procesos penais, que é onde existe o segredo. Xuntando nestas xornadas destacadas personalidades da xudicatura e da comunicación queremos contrubuír ao debate sobre esta cuestión e ao mellor coñecemento das necesidades de cada parte”, apunta Inés Iglesias Canle.

Participación da xornalista Cristina Villanueva

As xornadas serán inauguradas o día 11 de marzo por Antonio Dorado, vogal do CGPJ; María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, e Arturo González, decano do Colexio de Avogados de Ourense. De seguido celebrarase unha mesa redonda sobre a transparencia da administración de xustiza e os xuízos paralelos. Moderada por Agustín Zurita, a mesa contará coa participación de Fernando Alañón, presidente da Audiencia Provincial de Ourense; Isabel Valldecabres, profesora de Dereito Penal da Universidade Carlos III de Madrid; Celso Rodríguez, secretario xeral do Consejo General del Poder Judicial, e Cristina Villanueva, xornalista da Sexta TV.

A segunda sesión, que se celebrará o martes día 12, estará dedicada á xustiza e á cidadanía en procesos de especial sensibilidade, como os que afectan a menores ou a vítimas de violencia de xénero. Para falar deste tema estarán Enrique López, maxistrado da Audiencia Nacional; Víctor Moreno, catedrático de Dereito Procesal da Universidade Carlos III de Madrid; Antonio Piña, xuíz decano de Ourense; María Ángeles Carmona, secretaria xudicial, e Xosé Pastoriza, director do xornal La Región. A mesa estará moderada por Inés Iglesias Canle.

A matrícula deste curso, especialmente dirixido a estudantes e titulados das áreas do dereito e da comunicación, é gratuíta grazas á colaboración do Consejo General del Poder Judicial e do Consello Social da Universidade de Vigo. A inscrición está aberta ata as 14 horas do día 11 de marzo e pode realizarse enviando un correo electrónico cos datos persoais (nome, apelidos, DNI e profesión ou curso de estudos) ao enderezo electrónico: jornadasprensayjusticia2013@gmail.com